#Claves de la semana

Gandarón e o viño do Ribeiro


|

O viño de Eladio é para nós un tinto que asociamos a Otero Pedrayo e a Casa Grande de Cimadevila, nas chairas de Amoeiro. Foi esta a bebida da comida dedicada a Antón Pulido polo Premio Trasalba, no comezo do verán do pasado ano. O seu agasallo, de viño branco e tinto, xuntouse cos do día do grande ágape de cada ano. Alí, nas longas mesas alongadas, os amigos que nos achegamos de Ourense e Vigo, Pontevedra e Santiago, aquí a familia, e os veciños, recinto desbordado de ledicia e satisfacción baixo dos toldos e a calor, na carballeira… 


O mundo parouse arredor de Pulido, mais logo do retrouso poético e de arte, a evocación decantouse naquel día de turismo festivo cultural, dende o padal da memoria: e asociouse cara a distancia, máis alá do Barbantiño, cara o val do Avia, terras do viño do Císter, por San Clodio e Beade co Gandarón nas inmediacións: o mundo de Eladio Rodríguez Fernández, o colleiteiro.


Este é un ourensán singular, que ben de publicar unha novela, a cuxa presentación asistimos, na que fala con imaxinación de seu de ribeirán rural, logo de retornar á súa terra nai dende o mundo cidadán de empresario da construción.


Con sesenta e sete anos andados, é tempo de recoller o sementado na infancia polos devanceiros. O ‘Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira’ (Ir Indo Edicións, Vigo, 2015), obra escrita dun arreón, emocionado logo da visita, cando a lúa saía. Logo o amigo Antón Alonso, dende os primeiros capítulos, e as catas-parladoiro nas que deu en lerlles o escrito, deron o resultado que Bieito Ledo edita, Pulido deseña na capa, Alonso Montero e Antón Alonso presentan con Xavier Casares no Liceo, casa común, acompañados da voz de María do Ceo, a nosa trobadoresa galego-minhota. Con verbas inventadas, e outras en desuso, apoiado no caxato das lendas e tradicións, que desborda dende a trama e a imaxinación, versos e música, fascinado polo castro de Beade e as cumes do Ribeiro fabulando a ‘lingua cornaso’, con léxico que engade. Deuses e semideuses, Barbaña, Martiño e Gandarón, a batalla en Lámbrica, na trama, e a primeira colleita do viño de Beade, coas castes de Ridimoas…


O aroma cunqueiriano dun mundo seu, baixo o Arco da Vella, colleiteiro que recupera a adega familiar coidando as construcións e as viñas familiares que traballa de xeito tradicional, en diálogo coa natureza para achegarmos o viño cos aromas e sabor da viticultura de sempre. A influenza dos seus feitos chega ata nós en proxección cultural dende o Torques dos Castros.


Nos días en que sen máis partidismos que os de eloxiar as castes dos amigos de Sameirás, Ramón do Casar e Nairoa, de Alanís, Docampo e Reboreda que, entre outros, estuveron na Feira do Viño do Ribeiro… Tense dito que é o viño o sangue da terra, mais para nós é o sangue da cultura  dende a arte. Traballo e fe nunhas Terras, que para Eladio señorea o Gandarón, que garda a auténtica memoria dunha terra ricaz.


(fotos: Antón Alonso)

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE