O BNG ve "unha cortina de fume" na chamada á unión de En Marea
Os socialistas interprétana como un xesto de cara á galería

Este domingo En Marea lanzou unha proposta para BNG e PSdeG, a de abrir unha mesa polo cambio político" para "botar" ao PP, que podería manter a súa primeira reunión a semana que vén. Unha proposta que Ana Pontón, voceira nacional dos nacionalistas, interpreta como como "unha magnífica cortina de fume para tentar tapar os problemas ou a grave crise" que afronta a coalición.
Pontón considera "un pouco precipitado" entrar a valorar unha formulación que coñeceu "polos medios", segundo dixo, e, aínda que non descartou o diálogo, posto que está no "ADN" do Bloque, rexeitou "converterse nin nunha sucursal de Podemos nin no escenario preelectoral da campaña da señora Bescansa". A número tres de Podemos participou este domingo na asemblea e, de feito, desvelou esta proposta ante os asistentes na súa intervención inicial.
O BNG, afirmou, "se algo demostrou ao longo da súa existencia é que sempre propiciou gobernos alternativos ao PP". Pero, segundo advertiu, "lamentablemente, durante estes seis meses, viuse como Podemos non tiña esa mesma prioridade e perderon cinco meses para demostrar con feitos que a súa prioridade era desaloxar a Rajoy de Moncloa".
Ademais, a portavoz nacional do BNG dixo que "estaría moi ben que esa mesma vontade se materializase con feitos concretos", e aproveitou para mandar a mensaxe "con toda cordialidade" de que "por exemplo estaría ben que En Marea rompese a pinza que ten co Partido Popular no Concello de Pontevedra e propiciase gobernos alternativos aos do PP".
"AS FORMAS TAMÉN SON IMPORTANTES"
Cuestionada sobre se existe certo malestar polo feito de que Podemos puidese tratar de marcar a axenda do BNG con este tipo de propostas, a portavoz nacional negou que se trate "dun problema de malestar nin de benestar".
"Non queremos que a política se faga a través de roldas de prensa nin do titular do día; hai moito máis que falar, que dicir e as formas tamén son importantes en política", aseverou.
Neste sentido, acerca de se lle chegou a carta de En Marea, indicou que a ela "persoalmente" non, o que "non quere dicir que non lle chegase ao BNG". Neste punto, incidiu en que "aos primeiros que chegou foi aos medios de comunicación".
Previamente, Pontón dixo que corresponde aos órganos do BNG, unha vez reunidos, analizar a proposta que lanzou En Marea.
OS SOCIALISTAS VEN UN XESTO DE CARA Á GALERÍA
No PSdeG tampouco recibiron cos brazos abertos a oferta lanzada por en Marea. O voceiro parlamentario dos socialistas, Xosé Luis Méndez Romeu falou dun "xesto de cara á galería", asegura que non entende esta chamada ao diálogo trala actuación de Podemos no marco das negociacións para formar goberno.
Entende que dende En Marea persisten na súa actitude de lanzar xestos pensando na prensa e fotos sen contexto, unha estratexia que afirma non compartir.
En todo caso, Méndez Romeu tamén reivindicou este luns a importancia de esgrimir un "tono conciliador" cando se encara unha negociación.
En Marea chama á unión para “botar das institucións ao PP”
Escribe tu comentario