#Claves de la semana

Os líderes políticos galegos piden "reflexión" e "debate" sobre o camiño da UE

Nuñez Feijóo lamenta "un mal día para Europa" e o PSdeG fala dun "novo impulso". Mentres, Ana Pontón e Beiras coinciden en valorar o Brexit como unha respostas "ás políticas neoliberais"


|

A vitoria no Reino Unido da postura favorable a abandonar a Unión Europea pon sobre a mesa a visión que cada formación política ten do proxecto comunitario, en plena véspera da xornada de reflexión.

O primeiro líder político galego en valorar o resultado do referendo británico foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Hoxe é un mal día para Europa", afirma. Por iso, chama a "reflexionar" acerca das "causas" que levaron aos británicos a apostar pola saída "dun proxecto común" e dun "espazo para que as persoas poidan circular libremente, un espazo de liberdades e benestar".

Ademais de "analizar as causas", antes de entrar nunha reunión con interventores e apoderados de Ferrol, apelou ao traballo conxunto das institucións, para "unir aínda máis" a Unión Europea, e compartir "aínda máis" as políticas económicas, sociais e monetarias.

Ao seu xuízo, "a Unión ten que ser máis Unión a partir de agora", despois da adopción dunha decisión "moi difícil de entender, probablemente porque hai políticos que non están a exercer con responsabilidade as súas importantísimas obrigas".

Na súa análise, Feijóo apelou a "reflexionar" sobre "as cousas que se fixeron mal" e "insistir nas que se fan ben na UE". A partir de aí, lembrou que "os tratados fixan ata dous anos para ir desconectando e ver como se pode articular un plan B para ver como os británicos seguen tendo unha relación co resto dos europeos".


"CENTRAR" EUROPA

O líder do PP galego incidiu na necesidade de unirse "máis" e liquidar "algúns problemas sociais" que levou a crise, para "enviar a mensaxe" de que se continuará "traballando pola UE", a economía comunitaria da zona euro e polos "dereitos sociais" que debe preservar unha Europa que ten que "seguir sendo un espazo de liberdades e de benestar".

Facelo require, ao seu entender, "traballo", xa que é preciso "centrar" Europa e non "deixarse levar polas propostas radicais e populistas".


VONTADE REFORMISTA

O candidato do PSdeG á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, subliña que a saída do Reino Unido da UE "ilustra os problemas que causa a falta de vontade reformista e a parálise conservadora da UE", que "alenta este tipo de comportamentos".

Fronte ao "tempo de incertidume" no que vivimos, Leiceaga defende que España necesita "un goberno reformista" que sexa capaz de dar "un novo impulso" á UE, que teña "entre as súas prioridades" cambiar "as cousas que non funcionan ben" e que evite "todo tipo de tentación populista", xa que iso supoñería "unha aventura custosa" para os cidadáns españois.

PERDA DE HEXEMONÍA
Pola súa banda, o portavoz de Anova ve "unha bobada" dicir que "gañaron os xenófobos". Para Xosé Manuel Beiras, "a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo -fracasado- da UE", que é "parte do proxecto globalizador neoliberal".

Nun comunicado, afirma que "leva tempo dicindo que a UE é como o IV Reich". "A hexemonía do III Reich empezou a romper cando Inglaterra lle declarou a Guerra. Co IV empezamos a vivir unha situación análoga", reflexionou.

Igualmente, apelou a diferenciar entre o 'Brexit' e o 'Grexit', porque o segundo "implicaba tamén saír do euro". "O Brexit é máis fácil porque mantén incólumes os resortes de poder da política económica e monetaria no Reino Unido, nada que ver co que padecería Grecia". "Aínda que no Reino Unido non padecen todos os nosos problemas, derivados de estar na zona euro, deciden largarse igualmente", sinalou.

No mesmo comunicado, a eurodeputada de AGE Lidia Senra apelou a "non eludir máis" os debates ao redor da cuestión da UE e o euro e a súa "compatibilidade" coa democracia e a soberanía popular, para concluír que "este debate" debe darse "no futuro inmediato".

BNG, CRÍTICO CO PROXECTO COMUNITARIO
A portavoz nacional do BNG, pola súa banda, trasladou o "respecto" da formación frontista pola decisión adoptada no Reino Unido en relación á saída da Unión Europea e identificouna como "unha crítica ás políticas neoliberais".

"Os cidadáns decidiron democraticamente a través dun referendo. O primeiro que temos que facer é respectar a súa decisión. Tamén cremos que é unha crítica ás políticas neoliberais que se caracterizaron por romper durante estes anos", aseverou Ana Pontón.

En terceiro lugar, a modo de reflexión, apuntou que o BNG "sempre foi moi crítico" co proxecto da UE. "Situámonos en contra e, con este novo acontecemento, demóstrase o fracaso. É o momento de abrir un debate de fondo sobre esta UE a nivel de dereitos sociais", defendeu, convencida de que hai que aproveitar para "dar un debate de futuro que deixa atrás as políticas de recortes que caracterizaron a política da UE".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE