Ana Pontón: "Somos o pobo de 'Nunca Máis', xente loitadora"

|

Anaponton 3


Ana Pontón naceu en Sarria en 1977, licenciouse en Ciencias Políticas pola USC e con tan só 16 anos, no 1993, xa comezou a súa militancia en Galiza Nova e no BNG. Entre 2000 e 2004 foi membro da Dirección Nacional e da Comisión Permanente de Galiza Nova, e foi secretaria de organización tamén entre os anos 2000 e 2003.


En 2016, e despois dos malos resultados colleitados por Nós-Candidatura Galega, o daquela voceiro Xavier Vence anunciou que non repetiría no cargo. Foi entón cando Ana Pontón se postulou e foi elixida sucesora de Vence e principal candidata ás Eleccións do Parlamento de Galicia que se celebran o vindeiro domingo día 25 de Setembro.


- Que credibilidade lle dá ás enquisas para o vindeiro domingo?



As enquisas en campaña son un instrumento máis para incidir no voto. Nos últimos procesos electorais o que vimos foi como as enquisas non deron nin unha. Eu o único que podo facer é animar á xente que vaia votar e que non se fíen do que digan as enquisas. Nós esperamos un resultado que permita levar a cabo as políticas de cambio real que representa o BNG porque estou convencida de que as nosas alternativas para crear emprego, mellorar o benestar e apostar polos servizos públicos son as que realmente nos van permitir cambiar o panorama que temos agora mesmo.


- Cales son as fortalezas de Galicia como país?



Temos unha grande riqueza e moita potencialidade no sector primario. Logo temos o feito de que producimos a electricidade, que é o noso 'petróleo', pero o máis importante que temos é a xente, que ten talento, capacidade, que tira para adiante. Nós cremos que os galegos poderiamos ter un país onde non houbera emigración e onde, de feito, viñera xente traballar, se realmente desenvolveramos todo ese potencial do que falamos e tiveramos un goberno que confiara na capacidade do país.


- E onde residen as nosas debilidades? Cal é o noso 'talón de Aquiles'?



A maior debilidade que tivemos foron presidentes que non confiaron no país e que utilizan Galicia para dar o salto á política estatal aínda que parece que no Estado a Núñez Feijóo lle deron "coa porta no nariz".


- Hai moita xente indecisa que parece estar desencantada coa política ou os políticos en xeral. De que adoece a política? Por que non nos fiamos da clase política?



Non todos somos iguais. O BNG leva trinta anos gobernando en cidades importantes e non hai na organización ningunha persoa condenada por casos de corrupción. Temos claro que a nosa tolerancia é cero con esas políticas. Outra cousa é o escenario que existe na política estatal, tanto no partido socialista coma no popular, que ademais é moi grave, e obviamente isto xera desconfianza. Núñez Feijóo dicía esta semana nunha entrevista que a corrupción lles custou 3 millóns de votos, e a nós oféndenos que o que lles preocupe no PPdeG sexan os millóns de votantes que perderon e non os millóns de euros roubados aos galegos e galegas. Ademais de que para branquear eses cartos puxo en marcha unha amnistía fiscal. Mentres tanto, enganábase a persoas enfermas e dependentes dicíndolles que non había recursos públicos. Nós pensamos que hai que abrir unha nova etapa e devolverlle a dignidade ás institucións. Esta dignidade non se devolve con Núñez Feijóo encubrindo un imputado coma Baltar por delitos sexuais. O que podo garantir é que no BNG somos xente honrada que estamos na política para cambiar as cousas.


- Adóitase dicir que Galicia é de dereitas


Eu non o creo. O que vexo é que hai unha maioría social quere un cambio. Ademais estamos no momento de impulsar un cambio de ciclo no que os galegos e galegas deixemos atrás a corrupción do PP, a precariedade, o paro, o desprezo á nosa lingua, o desprezo á xente nova, e que esa enerxía da xente que quere que as cousas muden para mellor que se manifeste nas urnas. Somos o pobo que se opuxo a unha central nuclear, á guerra, somos o pobo de 'Nunca Máis', o que lle parou os pés á banca na época das preferentes, ou o pobo deses emigrantes retornados que non están dispostos a que o señor montoro os time. Eu vexo que hai un país loitador que non se resigna. E no BNG ten o seu aliado. O que a cidadanía está defendendo na rúa vaise defender desde o goberno.


- Vostede dixo que "ser nacionalista é o máis revolucionario que se pode ser en Galicia". Por que non triunfa o nacionalismo en Galicia? A propia palabra parece que produza arreguizos a moita xente.


Houbo campañas de demonización da palabra e mesmo de confusión. Pásalle algo semellante a quen di que o feminismo é o contrario có machismo. O feminismo é a defensa da igualdade e o nacionalismo tamén é a defensa da igualdade. Igualdade entre persoas e pobos. Ademais, neste momento é o marco fundamental para rematar co espolio dos nosos recursos. As forzas estatais non poden defender unha tarifa eléctrica galega porque vemos como moitos presidentes acaban sentados nos consellos de administración das eléctricas. No BNG dicimos que non queremos que a nosa enerxía se empregue para xustificar un espolio e queremos que se empregue para beneficiar ao pobo galego.


- Que cambios estruturais precisamos?


Sobre todo máis poder político para poder facerlle fronte aos retos que temos como sociedade. Nós contemplamos un novo modelo de financiamento no que lle tiramos a chave dos cartos dos impostos que pagamos os galegos e galegas ao señor Montoro e a recuperamos para o noso pobo. É dicir que podemos recadar todos os impostos que hai no noso país. Cóntannos que vivimos da solidaridade do estado pero realmente somos un pobo que paga máis impostos dos que logo se lle devolven. Concretamente máis de 3 millóns de euros dos que recada o estado cada ano non se invisten logo no noso país. Pensamos que estes recursos son importantes para mellorar a sanidade ou a educación pública, para ter máis bolsas e pór en marcha unha rede de integración social que non deixe a ningunha persoa tirada no noso país. Estes cambios son fundamentais. O mesmo poderiamos dicir sobre a capacidade de decidir sobre as nosas rías, os nosos recursos ou poder investir en innovación. Temos que tomar as rendas do presente para desenvolver o potencial do país. Non é xusto, igualitario nin solidario que mentres aquí a xente está emigrando e hai soldos de miseria, os nosos cartos se estean empregando para desenvolver outros territorios.


- Que opinión lle merece a aposta polo plurilingüismo de Feijóo?


Nestes anos Feijóo fíxolle moito dano ao noso país e tamén á nosa lingua. Empregaron a lingua coma unha arma arroxadiza e crearon un debate 'kafkiano' no que se presenta a vítima coma verdugo. Ninguén está discriminado en Galicia por falar castelán. Todo o contrario: o castelán estalle comendo territorio ó galego e arrinconándoo cada vez máis, e hai hostilidade en certos ámbitos pola utilización do idioma. Eu denunciei moitos casos reais de persoas que non se lles ofreceu un contrato de traballo por falar en lingua galega. É demencial. Defendemos que o pluringüísmo de Feijóo é un timo, igual cás preferentes. Non se mellorou a aprendizaxe do inglés. O que sí se fixo foi poñerlle barreiras ó galego. Todos os estudos sociolóxicos demostran que o dominio de varias linguas é positivo para a aprendizaxe dun idioma, e que no noso país os galegofalantes son perfectamente bilingües mentres que os castelanfalantes non o son, teñen moita dificultade para empregar a nosa lingua, o galego. Hai que eliminar as barreriras e pór fin a ese ‘decreto da vergoña’ que impediu que o galego se empregase no ámbito das matemáticas, posto que é inconcevible democraticamente. Desenvolveremos unha política para que ninguén por falar galego poida sentirse discriminada no noso país.


- Un resultado para o 25S


Non teño porras porque como di un amigo meu, é difícil facer prognósticos sobre todo para o futuro. En todo caso o 25S temos ao noso alcance facer algo importante por Galicia. Ás persoas que están dubidando tamén lles diría que quen esta desputándolle escanos ao PP que poderían facerlle perder a maioría é o BNG.


Sabías que...? 

Por un fallo na selectividade Ana Pontón non entrou en xornalismo e rematou na política


Defina nunha palabra...


Galicia 

País


Política 

Democracia


Medios de Comunicación 

Necesidade


Galego 

Dignidade


NB. A solicitude de entrevista fíxoselle a todos os candidatos con posibilidade de representación no Parlamento de Galicia nas Eleccións Autonómicas do 25 de Setembro.


relacionada ​Villares y Pontón condenan que Feijóo mida la corrupción en número de votos
relacionada Pontón: "Propoñemos que Citroën ou Inditex paguen os seus impostos en Galicia"
relacionada ​Ana Pontón: "Queremos ter a chave do noso diñeiro, non Montoro"

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress