#Claves de la semana

Leiceaga: "A etapa de Feijóo foi un mal soño para milleiros de persoas"


Entrevista co candidato do PSdeG á Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga.


|

Leiceagamitin 1


Xoaquín Fernández Leiceaga naceu en Noia o 6 de xaneiro do 61. É un economista recoñecido no ámbito da Universidade e ten unha carreira política ampla. No 2002 marchou do BNG e entrou no PSdeG no 2003. Foi concelleiro de Economía e Facenda en Santiago, deputado no Parlamento do 2005 ao 2012 e, durante unha etapa, voceiro parlamentario.


É candidato do PSdeG desde finais de maio, cando superou nunhas primarias a Xosé Luís Méndez Romeu cunha vitoria fraguada especialmente no rural. Móstrase convencido da súa capacidade de diálogo para encabezar un Executivo alternativo a Feijóo.


- Facéndolle caso ou non ás enquisas, que resultado agardan o domingo?


Agardamos que a maioría dos galegos e as galegas que sabemos que queren un cambio fiable e sensato da man dos socialistas vaian votar. Porque esa é a única opción para que Galicia deixe atrás a etapa de Feijóo, que foi un mal soño para milleiros de persoas, para que poida volver á senda da creación de emprego, do crecemento e dun país máis próspero e solidario, máis grande, que pise máis forte e que mire máis lonxe.


- A enquisa do CIS di que preto da metade do electorado non coñece a Leiceaga e o PSdeG conta con candidato desde hai meses. Que fallou?


Teña en conta que son candidato dende maio e estamos en setembro polo que é lóxico que o meu nivel de coñecemento non sexa moi alto. De todas formas sei que cada día que pasa imos gañando apoio e incrementando a nosa valoración por parte dos cidadáns.


- É Galicia de dereitas?


Galicia quere cambio. As enquisas das que vostede falaba dan moitos escenarios posibles, pero se hai algo no que coinciden é en que un 57 por cento dos galegos e das galegas, seis de cada dez, queren un goberno diferente. Sabemos tamén que hai en torno a 300.000 indecisos que non queren un goberno de dereitas pero non saben se irán votar, por iso dicimos que cando todos os que queren cambio o digan co seu voto seguro que haberá cambio.


- Nun escenario sen maiorías absolutas, ve concordancias coas políticas que propoñen outros partidos como para facer posible un pacto estable?


Hai argumentos abondo para poñernos de acordo e garantir que haxa un cambio dirixido por un presidente socialista. Temos a obriga de responder á importante demanda de cambio que existe na maioría da sociedade.


- Cales son para vostede as principais medidas urxentes para os 100 primeiros días de goberno?


En primeiro lugar aprobaremos un Plan de Emprego dotado con 100 millóns de euros para que as empresas poidan contratar a 10.000 mozos e mozas anualmente e mellorar así a súa experiencia, formación e empregabilidade. Aprobaremos tamén un Plan contra a Pobreza Infantil dirixido a 40.000 familias galegas con fillos en idade escolar. Tamén iniciaremos unha serie de medidas urxentes en materia sanitaria para superar os oito anos de desmantelamento e privatizacións do goberno de Feijóo, comezando coa posta en marcha do proceso de rescate do Hospital privado de Vigo.


- E as necesidades menos urxentes ou máis estruturais, máis a longo prazo?


Os socialistas propoñemos aproveitar mellor as posibilidades que ten Galicia para xerar máis riqueza e máis oportunidades nos sectores con futuro económico neste país, e farémolo cunha nova política económica que priorice a creación de emprego a través da reindustrialización e a innovación. Para que este modelo poida aplicarse precisamos dunha administración pública moderna e eficiente, que garanta ademáis o desenvolvemento dunha axenda social do cambio, centrada na política educativa de calidade, recuperar unha sanidade universal, pública e de calidade, e unha política social integradora que permita reestablecer a cohesión social e superar os dramas sociais que deixou a xestión da crise económica por parte do goberno de Feijóo.


- Como é a Galicia ideal para Leiceaga?


Unha Galicia con máis peso en España e en Europa na que ninguén quede atrás, na que os mozos e as mozas poidan desenvolver o seu proxecto vital sen ter que emigrar.


- En resumo, o seu diagnóstico da situación de Galicia é: "Somos menos, innovamos menos, temos menor capacidade de distribución, estamos máis endebedados, perdemos peso demográfica e importancia política e económica en España". Son estas as nosas peores debilidades? É o que nos limita?


A nosa debilidade é que temos un presidente e un goberno sen visión de futuro, que utilizaron a escusa da crise económica para desmantelar e privatizar os servizos públicos. Que nunha situación de dificultades económicas deixou tirados a milleiros de galegos e galegas e renunciou a utilizar os seus instrumentos, deixou sen executar os orzamentos mentres máis que triplicaba a débeda pública de Galicia, pasando de 3.381 millóns de euros en 2009 a 10.727 en 2016, e que a pesares disto perdemos 150.000 postos de traballo e perdemos o paso da converxencia con España e Europa.


- Cales son as nosas fortalezas como país? Hai algo no que destaquemos ou poidamos destacar? Un sector produtivo ou económico... xa que o eólico se converteu nunha oportunidade perdida?


Por suposto que hai sectores produtivos nos que podemos destacar, pero para iso necesitamos o apoio das institucións, ou cando menos que non impidan o desenvolvemento dos sectores económicos puxantes, como estivo facendo o Executivo de Feijóo nestes últimos oito anos. Falo da pesca, lastrada polo desleixo do goberno galego no reparto de cotas, do sector agrícola que non contou co apoio do goberno para negociar uns prezos xustos para o leite e xa non falo de apoiar o peche dos ciclos produtivos en Galicia. Iso é só unha parte do sector primario, porque se miramos á industria atopamos un goberno que renuncia a investir en I+D e que permite que se teñan perdido 49.100 empregos industriais ao deixar esmorecer o eólico que vostede apuntaba e deixa ao seu albur o naval, en contra do que di a publicidade institucional. Lémbrolle que en 2009 había 90 buques en construción nos estaleiros galegos, e hoxe estamos celebrando que anuncien dous barcos en cada período electoral.


- Hoxe en día mermou a confianza na política ou na honestidade dos políticos. Que lle ocorre á política? De que adoece?


Honestamente creo que adoece dun partido no goberno que é o exemplo de todo o que non se debe de facer en política, dun partido, o PP, que agora mesmo está sendo investigado por presunto financiamento irregular, e que ampara a xente como Rita Barberá, como Bárcenas, como o ministro Soria ou como Baltar. E todo iso afecta a quen ostenta a máxima representatividade e que polo tanto debe ser exemplar, é lóxico que a xente se sinta desencantada. Temos que recuperar a boa política con gobernantes exemplares para recuperar a confianza dos cidadáns. Os socialistas temos un código ético que aplicamos a raxatabla, e nos esforzamos cada día por levar a boa política e a limpeza ás nosas obrigas institucionais.


- Pensa que as campañas electorais, coma esta que estamos a vivir, condicionan o sentido do voto?


Como lle comentei antes, hai 300.000 galegos e galegas que aínda non teñen decidido o sentido do seu voto. Iso significa que hai unha maioría de persoas que poden tomar unha decisión nestas últimas horas. A campaña electoral serve para poñer o foco nas diferentes alternativas de goberno e expoñer aos candidatos para despois tomar a decisión que cada un considere acertada. É máis, direille que se o PP está tan interesado en converter a campaña electoral nun trámite e que se vexa como algo innecesario, e agochala en todo o posible dentro do debate nacional é porque si, efectivamente é decisiva para o voto.


- Cre que ao PSdeG lle afecta negativamente as dificultades que hai en Madrid para unha investidura? Pedro Sánchez está sinalado desde distintos ámbitos como responsable...


Creo que Galicia se xoga moito nestas eleccións e por tanto todos os meus esforzos están centrados en conseguir que o 25 de setembro poda haber cambio en Galicia.


- Ten vostede a intención de vivir na casa, en lugar de usar a residencia de Monte Pío. É un xeito de ser capaz de desconectar no día a día e gardarlle un oco á vida persoal?


É un xeito de vivir a presidencia con normalidade, de ser un cidadán máis para non perder a conexión coa xente da rúa, que é fundamental para un gobernante.


Sabías que...

Ademáis dos ensaios sobre economía, ten publicada Agosto de memoria e morte, unha novela negra ambientada no tardofranquismo.


-Describa nunha palabra:

Galicia

Futuro

Política

Exemplaridade

Medios de comunicación

Pluralidade

Galego

Identidade

relacionada ​Leiceaga ve en Feijóo "un gran narrador de historias fantásticas"
relacionada ​Leiceaga censura a "falta de visión a longo prazo" de Feijóo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE