As diferenzas persoais rachan o goberno de coalición de Ferrol

|

Jorgesuarezbeatrizsestayo318


A executiva do PSOE de Ferrol aprobou na tarde do luns a saída dos seus cinco concelleiros do goberno local, que compartían con Ferrol en Común. Este acordo unánime do grupo municipal, tomado nunha reunión á que non asistiron dúas das edís, foi ratificado posteriormente pola dirección do partido na cidade con 16 votos a favor, un en contra e unha abstención.


A decisión tomouse o mesmo día en que o alcalde, Jorge Suárez, anunciou en rolda de prensa a retirada das competencias a varios dos seus compañeiros de goberno. En concreto, os afectados foron a súa tenente de alcalde e líder do PSOE local, Beatriz Sestayo, e outros dous edís socialistas próximos a ela.


Pola súa banda, Suárez xustificou a decisión en diferenzas "máis persoais" que "políticas", despois de que a propia Sestayo censurase --a pasada semana-- a actuación da tamén socialista María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo.


"ACUSACIÓNS FALSAS"


Este martes, María Fernández Lemos remitiu unha carta na que arremete contra a executiva local do seu partido polas "acusacións falsas" vertidas contra a súa xestión da área de Urbanismo e as "constantes presións" que di sufrir.


Segundo Fernández Lemos, "son falsas as acusacións públicas cara á xestión que se está realizando desde Urbanismo", algo que ve, ademais, como o "desenlace ás constantes presións sufridas" tanto por ela "como polos concelleiros Felipe Sas", que dimitiu hai uns meses, e pola socialista Rosa Méndez, "impedindo a incorporación de persoal, a aprobación de orzamentos e, en definitiva, a realización do traballo" que se propuxeron "sacar adiante ao servizo da cidade".


A concelleira di que gardou "un respectuoso silencio durante os días pasados para non afectar o proceso electoral", algo que lle custou "un altísimo custo persoal tras as durísimas e inxustas acusacións vertidas".


Agora decidiu criticar que se decatou pola prensa da decisión de solicitar a retirada das súas competencias, xa que "en ningún momento se contactou" con ela para transmitirlle "nin a mais mínima inquietude" sobre a súa xestión á fronte da área municipal de Urbanismo.


Estas acusacións súmanse ao feito de que nin Fernández Lemos nin a edil Rosa Méndez acudiron á reunión do grupo municipal socialista na que se acordou por unanimidade dos outros tres concelleiros solicitarlle ao alcalde a saída dos cinco edís que compartían o goberno con Ferrol en Común, unha decisión ratificada pola executiva este luns.


CRÍTICAS


No seu escrito, María Fernández criticou tamén a ausencia de asesores na área da que é responsable, así como do feito de que "se prescindiu do asesor xurídico e xerente de urbanismo. "A pesar de que manifestei en repetidas ocasións, tanto ante o grupo municipal do PSOE, como ante o Goberno e a propia executiva do PSOE, a imperiosa necesidade de contar con eles, debido á envergadura da tarefa para desenvolver", dixo a concelleira.


Ademais, Fernández Lemos incidiu en que o orzamento dispoñible en Urbanismo "está prorrogado e non contempla investimentos" e unicamente está dispoñible "para facer fronte á xestión diaria da área".


A edil ferrolá concluiu dicindo que, desde o seu punto de vista, "non existen incumprimentos da Concellería de Urbanismo, onde se traballa con poucos medios económicos e de persoal, na que non hai falta de transparencia nin escurantismo, nin tampouco xestión individual".


relacionada ​O alcalde de Ferrol retira as competencias máis importantes a Beatriz Sestayo

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress