Os tres grupos da oposición terán que aliarse para forzar comisións de investigación

|

Debate2


Os tres grupos da oposición terán que buscar alianzas para poder acceder a determinadas iniciativas na X Lexislatura do Parlamento galego, que quedará constituído o 21 de outubro, como a creación 'automática' dunha comisión de investigación ou a solicitude de comparecencias de membros da Xunta no Pazo do Hórreo.


O regulamento parlamentario recolle que o pleno, por proposta da Xunta, da Mesa, de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos deputados membros da cámara, poderá acordar a creación dunha comisión de investigación sobre calquera asunto de interese público.


Con todo, o texto consolidado en 2015, tras a última modificación, incorpora a posibilidade de crear, de forma automática, unha comisión de investigación por lexislatura se o solicitan un terzo dos 75 deputados da Cámara que pertenzan a un mesmo grupo parlamentario, ou ben serán necesarios os dous quintos da Cámara.


Así as cousas, no actual escenario de 75 escanos e unha maioría absoluta do PP de 41 fronte ao empate a 14 de escanos de En Marea (segunda forza en número de votos) e do PSOE, e un BNG con seis, ningún dos tres grupos da oposición poderían pedir de forma automática unha comisión de investigación, a pesar da porta que abre o regulamento.


Mesmo para sumar os dous quintos da Cámara (30 deputados) que tamén permiten dar este paso sería necesario que se aliasen En Marea, PSOE e BNG.


VOTO EXTERIOR


En canto ás comparecencias en pleno ou en comisión, o regulamento recolle que a iniciativa para a adopción de tales acordos corresponderalles a dous grupos parlamentarios ou á quinta parte dos membros da Cámara (15 deputados) ou da comisión, segundo o caso. De novo, a alianza sería unha esixencia para sumar a quinta parte esixida posto que ningún grupo da oposición suma 15 escanos.


Con todo, os partidos están á espera de que o reconto do voto emigrante ratifique como quedan definitivamente os resultados electorais na provincia de Ourense, onde podería estar en xogo un escano, xa que o PP fíxose o domingo coa última acta, en detrimento do PSOE, por unhas decenas de votos.


Subir ao escano 15 restando un á ampla maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo variaría, polo menos neste punto, as capacidades do futuro Grupo Parlamentario do PSdeG.


AMPLA RENOVACIÓN NA OPOSICIÓN


A X Lexislatura galega empezará unha vez que quede constituída a Cámara o 21 de outubro. Farao cunha ampla maioría de caras novas nos tres grupos da oposición (en torno ao 80 por cento), xa que se estrean nove dos 14 deputados socialistas.


De En Marea, só repiten os que foron parlamentarios de AGE na pasada lexislatura Antón Sánchez e Eva Solla; e as deputadas do BNG Ana Pontón e Montse Prado.


O PPdeG, pola súa banda, incorpora unha vintena de caras novas en relación ao grupo co que arrincou a anterior lexislatura, aínda que boa parte destes rostros xa son coñecidos por formar parte do Goberno de Feijóo, que incluíu a todos os conselleiros nas súas listas.


O deputado con máis experiencia parlamentaria é o que foi presidente da Cámara na última fase da IX Lexislatura, Miguel Santalices (PP). O de maior idade será o exalcalde de Outes Carlos López Crespo (1949) e a de menor, Paula Quinteiro (Vigo, 1990), de En Marea.


PROCEDEMENTO


Tras quedar constituída a Cámara o 21 de outubro e unha vez elixida a Mesa, o seu presidente terá que comunicarllo ao Rey, ao Senado, ao presidente do Goberno e ao presidente en funcións da Xunta.


Dentro do prazo dos 15 días seguintes á celebración da sesión constitutiva, terá lugar a solemne sesión de apertura da lexislatura. Así mesmo, a constitución inicial de grupos parlamentarios farase dentro dos cinco días seguintes á sesión constitutiva mediante un escrito dirixido á Mesa.


En paralelo, o presidente da Cámara, "consultados os representantes designados polos partidos ou polos grupos políticos con representación parlamentaria, propoñerá de entre os membros do Parlamento un candidato á Presidencia do Goberno, que neste caso, co PPdeG con maioría absoluta, será Feijóo.


Tras a sesión de investidura e a toma de posesión, cuxos prazos se axilizarán ao máximo, o líder do PPdeG, xa ratificado como presidente, nomeará ao seu Executivo, previsiblemente a principios do mes de novembro.


relacionada Ellas y ellos ocuparán los asientos en el nuevo Parlamento

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress