#Claves de la semana

Denuncian a vulneración de dereitos dos pacientes psiquiátricos do Hospital de Calde

O hospital prohibíu a saída ao exterior de todos os pacientes psiquiátricos ingresados tras a aparición de danos en coches aparcados nas proximidades. 


|

Hospitalcaldelugo



O colectivo Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM), vén de denunciar a través dun comunicado que no Hospital de Calde (Lugo) se “prohibíu a saída ao exterior de todos os pacientes psiquiátricos ingresados” debido á aparición de “importantes danos en coches aparcados nas proximidades”, froito de accións intencionais.


Desde a organización condenan que os responsables sanitarios do hospital estableceran que os “culpables” eran os pacientes, sen levar a cabo unha labor de investigación e identificación dos causantes dos danos nos vehículos, e expresan a súa desaprobación a que se optara de forma automática á “medida de prohibir a saída ao exterior de todos os ingresados” por parte, din, de “quen ten poder para facelo”.


MGSM subliña que “se deberían de ter tomado outras medidas para protexer a propiedade”, porén foi “a restricción da actividade e escasa liberdade dos pacientes” a medida que se implantou. Califican esta medida de “fácil e barata”, ao cal se suma a “escasa ou nula capacidade de protesta dos afectados pola restricción dos seus dereitos”.


A esta denuncia súmase a Coordinadora Anti-privatización da Sanidade Pública que igualmente condena enerxicamente o que considera "unha violación dos dereitos dos pacientes".


CASTIGO COLECTIVO


O colectivo tacha de “castigo colectivo” a medida, e argumentan que de ser actos (o vandalismo nos coches) protagonizados por pacientes psiquiátricos ou institucionalizados, os responsables sanitarios deberían ter aberto “interrogantes” sobre as causas, posto que podería tratarse de “signos de protesta, malestar ou mal funcionamento da institución”, como expresa MGSM no seu comunicado.


Deste xeito, MGSM achaca a medida á “situación de abandono asistencial e marxinación” na que se atopan os pacientes psiquiátricos residenciais, cuxa indefensión “incrementa as obrigas públicas de coidado sanitario e respecto aos seus dereitos”.


Ante as medidas adoptadas polo Hospital de Calde, que o colectivo tilda de “dañinas” tanto para os traballadores coma para os residentes, o colectivo MGSM insta ao Xerente e o Xefe do Servizo de Psiquiatría a levantar o “castigo colectivo” de inmediato, e piden que os responsables sindicais e asociacións de familiares e profesionais revisen “dende unha perspectiva de dereitos humanos” a situación na que se atopan estes pacientes, as dotacións profesionais do mesmo, o réxime de funcionamento e a existencia de plans terapéuticos e de coidado individualizados, así como medidas para protexer “da mellor forma” os bens materiais.


Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE