O trumpismo e outros pecados capitais

Iria Ameixeiras

Hatetrump


O apoxeo do fascismo nos Estados Unidos pilloume coa maleta a medio desfacer. O día despois das eleccións, ao norte de Manhattan non había máis ca sombras arrastrando os pés. Había un consenso entre os inquilinos pesarosos da cidade e o tempo, que deu en chover. Levo apenas un ano e medio vivindo en Nova Iorque, na torre de marfil, e o que coñezo é unha cultura urbana moi diversa. Na liña vermella do metro que une Brooklyn co Bronx non parece haber fronteiras entre as etnias que comparten os espazos. As fronteiras en Nova Iorque márcaas, sobre todo, o peto. En cada rúa, en cada supermercado, en cada gran centro comercial de Nova Iorque hai un senteito, e así ata un total de 61.931, segundo os datos de setembro desde ano.


O número de desposuídos que habitan as rúas non deixou de medrar desde a década dos 90. E cada cartel que levan, como unha loita polo recoñecemento, ten unha historia máis triste das desigualdades que asulagan o país: viúvas que ao morrer os seus maridos se quedan sen recursos, persoas que perden os traballos e pensan que se convirten en losers (perdedores) inútiles para a sociedade, veteranos de guerra mutilados… Tan normalizada está a súa situación, que en moitos Estados como Minnesota para votar, as persoas sen fogar poden domiciliar o curruncho do parque público no que dormen con frecuencia. E aínda así, con este cemiterio urbano do soño americano, moitas cidades do país uníronse o mércores, despois das eleccións, para berrarlle a Trump desde as rúas ocupadas e os rañaceos chuviscados: “Not my President” (“Non é o meu presidente”).


Non creo que exista unha soa causa para explicar a desfeita destas eleccións. O certo é que Trump gañou por, ou malia, un discurso intolerante coas minorías étnicas e relixiosas, co empoderamento da muller, coa comunidade LGBT ou mesmo co medio ambiente. Á marxe do que vaia facer desde o Executivo, Donald Trump gañou as eleccións dicindo que o cambio climático é unha farsa, inventada polos chinos para limitar o crecemento dos EUA, que ía recortar os impostos incluso para os máis ricos, prometendo a deportación de 16 millóns de migrantes e a construción dun muro fronteirizo con México, o retiro do “Affordable Care Act” (Obamacare, o plan de saúde que reduce os custos sanitarios a persoas con menos recursos), e a prohibición do aborto (nunha clara concesión ao Tea Party, un movemento conservador dentro do Partido Republicano), presumindo dos seus impulsos machistas irreprimibles de bicar ás mulleres guapas sen pedir consentimento, e ameazando con prender a Hillary Clinton se el saía presidente. Entre outras cousas, Trump enfróntase a un xuízo por enganar e explotar aos estudantes da Trump University, a súa propia institución académica.


Non é doado entender o que está pasando nos Estados Unidos máis alá do feito obvio de que a sociedade está moi polarizada entre o rural e as cidades. Aínda non rematou o reconto (falta o Estado de Michigan), pero cos datos na man parece que Clinton gañou en voto popular (47.8%, fronte a 47.3% de Trump), sen conseguir que isto se reflectise nos colexios electorais, que lle deron a presidencia a Donald Trump. Estes anos de goberno de Obama diminuíu o paro, pero aumentaron as desigualdades. O feito de que Trump arremetese contra o 'establishment' e as oligarquías da democracia liberal dos Estados Unidos —a pesar de ser el un gran beneficiario das súas políticas neoliberais—, puido serlle beneficioso en Estados coma Wisconsin —un Estado que Hillary Clinton nin sequera se dignou a pisar en toda a campaña electoral—, Pennsylvania ou Ohio, que forman parte do chamado “Rust Belt” (“Cinturón de óxido”). Nestes Estados, antigos feudos do Partido Demócrata, impúxose Trump por poucos votos. En Wisconsin está Detroit, por exemplo, berce da industria automobilística (coa Ford, General Motors, etc). A crise e a deslocalización convertiron Detroit nunha cidade de esqueletes de formigón, cun desemprego que en 2010 roldaba o 50% da poboación activa.


Aínda así, os datos das enquisas a pé de urna mostran outro tipo de divisións que van máis alá da clase social. Por exemplo, a maioría da xente que cobra menos de 49.000 dólares ao ano di que votou a Hillary Clinton (52%). Mentres que son os sectores da sociedade con nivel de ingresos de entre 50.000-199.999 dólares ao ano os que din votar a Trump (49%), ademáis dos multimillonarios, por suposto. Aínda son máis claras as diferencias nos grupos étnicos: os afroamericanos, os asiáticos e os latinos votaron maioritariamente a Hillary Clinton, mentres que os brancos votaron por Trump. E completan este mapa demográfico do voto Demócrata a xente máis nova de 44 anos e as mulleres.


A profesora Pippa Norris, da Universidade de Harvard, nunha conferencia que houbo en Nova Iorque a unha semana das eleccións, falaba de que a mobilización dos votantes de Trump pode estar relacionada cunha reacción cultural a uns valores cos que unha parte da sociedade estadounidense non se sinte identificada e que teñen que ver con todo isto contra o que Trump arremetía. Este é o caso, por exemplo, do home branco de clase media, que foi o que maioritariamente apoiou a Trump, que ve ameazado o seu dominio cultural nunha sociedade que cuestiona cada vez máis o heteropatriarcado, a familia tradicional ou a relixión cristiá. E onde moitos dos seus valores fundamentais empezan a ser criticados desde palestras onde o idioma que se usa xa non lle fala a el. Paréceme que isto non está moi lonxe do que dicía nunha entrevista en Ctxt o xornalista Arun Gupta, ligado ao movemento Occupy Wall Street, sobre a imposibilidade de desvencellar clase social e raza nos Estados Unidos, porque o desenvolvemento do sistema capitalista nutriuse nas súas raíces da comercialización con vidas humanas, da escravitude. Eu engadiría que o racismo, que ata o de agora era parte dos pecados capitais do país no discurso das élites, se está volvendo a lexitimar a través da posición de poder de Trump.


A todo isto hai que sumar a pouca participación que tiveron estas eleccións dun 56%, fronte a un 58% nas anteriores. A figura de Hillary Clinton era ademáis moi controvertida, pola súa política exterior, as súas relacións con Rusia e a súa actuación en Libia. A inclusión, a última hora, de moitas das medidas progresistas de Bernie Sanders resultou pouco crible, xa que eran contradictorias coa traxectoria de Clinton como Secretaria de Estado. Moita xente, non querendo ser partícipe destas políticas, rexeitou votala, malia a ameaza que supoñía Trump. Así, apoiaron a terceiros partidos como o Libertarian Party (que promulga o libre mercado e a liberdade individual) ou o Green Party (o partido ecoloxista) sen ningunha capacidade de chegar ao goberno (co 3% e o 1% dos votos, respectivamente).


Quizáis hai aquí algunhas pistas para seguir pesquisando nestes resultados, cuxa primeira reacción foi a do odio. Un sentimiento que se naturalizou a base de ser repetido desde posicións tan prestixiosas coma a dun candidato á presidencia dos EUA. Empézanse a ler mensaxes de terror e angustia porque ninguén é capaz de prever como será a presidencia de Trump, co Partido Republicano controlando a Cámara de Representantes e o Senado. As mulleres piden citas nos xinecólogos para colocarse dispositivos intrauterinos por medo ao incremento no custo da píldora anticonceptiva co fin do Obamacare; nas universidades asínanse peticións para que non deporten aos estudiantes coa concesión da DACA —Deferred Action for Childhood Arrivals ou Acción Diferida para os Chegados na Infancia—, que permite estar no país a migrantes sen papeis que levan nos EUA desde 2010 e teñen fillos nacionalizados ou que chegaron sendo menores de 16 anos; e os afroamericanos, como o meu amigo Victor, que ademáis é hispano, temen voltar aos anos da segregación racial.


Pero sempre medra algunha flor no deserto. O día seguinte ás eleccións, nas protestas polas rúas de Nova Iorque, mentres os manifestantes cantaban en español “Sí, se puede”, un grupo de persoas, de todas as etnias, idades e xéneros, collíase das mans para frear o tráfico, e facer un camiño que xa botou a andar, pero que vai precisar de moitas mans máis.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE