#Claves de la semana

Sanidade e Educación acaparan case o 70% dos orzamentos pero crecen menos do 3%


Volven primar as provincias orientais en gasto por habitante, aínda que as atlánticas reciben o maior volume.



|

ValerianoMartinezFacendaXuntadeGaliciaOrzamentos


As consellerías que máis crecen nos orzamentos da Xunta para 2017 son as de Mar, que sobe un 10,08%, ata 142 millóns, e a de Economía, Emprego e Industria, un 7,7%, con 434.


Mentres, Sanidade e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, aínda que acaparan o 68,7% do orzamento das consellerías, con 3.614 e 2.314 millóns, respectivamente, soben por baixo do 3% --un 2,88% e un 2,85%, en concreto--.


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou este sábado as contas autonómicas no Parlamento galego, tras entregarllas ao seu presidente, Miguel Santalices.


Na súa exposición, destacou, como fixo este venres tras a aprobación do documento no Consello, que as contas dispoñen de "máis recursos" e inscríbense nun contexto de "consolidación" e "recuperación" económica.


Pretenden, dixo, trasladar "certidumbres" a familias e empresas galegas, así como avanzar nun modelo de crecemento "san, progresivo, continuo e que foxe de burbullas conxunturais".


POLÍTICA SOCIAL AUMENTA UN 4%


Por departamentos, Sanidade aumenta en 101 millóns, ese 2,88%, ata alcanzar os 3.614. É a consellería con máis capacidade de gasto, por diante de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que dispón de 2.314 millóns, 64,2 máis (o que representa o aumento do 2,85%).


Mentres, Política Social, a terceira por contía, manexará o exercicio próximo 645 millóns de euros, 25 máis, o que supón incrementar o seu orzamento un 4,03%.


Entre estas tres consellerías suman 6.573 millóns, dos 8.623,3 con que contan todos os departamentos do Goberno galego (un 3,37% máis que en 2016), isto é: o 76,22% do total.


RESTO DE DEPARTAMENTOS


A continuación figura Medio Rural, con 520 millóns de euros, 15 máis, e unha subida do 2,97%; seguida de Economía, Emprego e Industria, para a que se reservan 434 millóns, 31 máis (+7,7%).


Infraestruturas e Vivenda, cun orzamento de 351 millóns en 2017, ascende un 3,24%, 11 millóns máis en termos absolutos.


Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidencia tamén repuntan máis do 3%: ata 262 millóns a primeira (con 9 máis e un crecemento do 3,56%) e ata 175 a segunda (6 millóns máis e un incremento do 3,55%).


Mar, aínda que é a antepenúltima en cantidade de fondos, con 142 millóns, alcanza unha subida do 10,08%, tras engadir 13 millóns ás súas contas.


Por último, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio queda con 3 millóns máis, ata 112 (+2,75%) e Facenda agrega 2 millóns ao seu orzamento e sitúao en 55 (+3,77%).


PROVINCIAS


O orzamento do Executivo autonómico para 2017 volve primar ás provincias orientais en gasto por habitante, e así Lugo e Ourense recibirán 3.522 e 3.355 euros, respectivamente, fronte aos 2.728 euros en Pontevedra e 2.457 euros na Coruña.


Con todo, en valores absolutos, o maior volume correspóndese coas provincias máis poboadas e a asignación é de 2.769 millóns para A Coruña, 2.584 para Pontevedra, 1.195 en Lugo e 1.068 en Ourense. Con esta repartición, a Xunta pretende impulsar o reequilibrio territorial.

relacionada ​O BNG denuncia a "política deliberada de asfixia" da Xunta ao sector cultural
relacionada ​Os orzamentos da Xunta para turismo soben un 5%
relacionada O orzamento da Xunta para 2017 crece un 2,9% e esgota o teito de gasto
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE