Un detido na Coruña por unha agresión machista brutal
Nunha primeira exploración, a filla podería ter un nocello e un dos seus dedos rotos. A nai ten magoadas as costas.

A Policía Local da Coruña detivo esta fin de semana un home por, supostamente, agarrar e arroxar á súa muller e á súa filla ao chan durante unha discusión. Por iso, o home foi detido por delitos de violencia de xénero e de violencia no ámbito familiar.
En concreto, segundo indicou a Policía Local nun comunciado, o suceso produciuse no barrio das Xubias, onde, ao parecer, produciuse un posible episodio de violencia de xénero nun domicilio. De feito, unha vez chegou ao edificio, a patrulla da Policía Local tivo que atender a unha muller de 44 anos que estaba en compañía da súa filla de 18.
Esta última aparentaba estar a sufrir un ataque de ansiedade e, respecto diso, a nai manifestou que discutira coa súa parella e que, cando a súa filla tentou mediar entre ambos, el agarrouna e arroxouna ao chan.
Como consecuencia, a moza golpeouse contra os mobles da vivenda. Ao recriminarlle a nai este feito ao pai, este agarrouna a ela tamén e tirouna ao chan, golpeándose fortemente.
Ao lugar desprazouse unha ambulancia e, despois de que o médico realizase unha primeira valoración das lesionadas, ordenou o traslado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para practicar outras probas médicas.
E é que, tal e como explicou, a filla podería ter un nocello e un dos seus dedos rotos. Pola súa banda, a nai queixábase de dor nas costas.
Como o home non se atopaba no domicilio, os policías facilitaron o seu número de teléfono móbil á Sala Operativa do 092 para que contactase con el. Posteriormente, o home acudiu ao domicilio, momento no que os policías locais procederon á súa detención.
Despois de ser informado do motivo da súa detención e os dereitos que o asisten en calidade de detido, foi trasladado ás dependencias do Corpo Nacional de Policía, que instruirá as dilixencias oportunas.
Unha app do 112 revelará se chama unha vítima de violencia machista antes de descolgar
Escribe tu comentario