O Cunqueiro cambia o formol polo envasado ao baleiro das mostras

|

Envasadoformol


O servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo utiliza desde finais de verán un sistema de envasado ao baleiro para a conservación, traslado e posterior análise das mostras de tecidos que se extraen nas intervencións cirúrxicas e que necesitan ser analizadas e estudadas.


O resultado final deste estudo é a emisión dun informe de gran transcendencia para os pacientes, en particular no campo da oncoloxía, segundo destacou nun comunicado a Xerencia de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo.


A implantación deste sistema de envasado, ademais doutras vantaxes, conforme destacou a Xerencia, permite reducir de forma moi considerable a exposición ao formol dos traballadores sanitarios que deben estar en contacto coas mostras. Unha práctica recomendada polos organismos internacionais sanitarios.


DEFICIENCIAS


Esta área de Anatomía Patolóxica tivera que "paralizar temporalmente" o traballo coas mostras hai pouco máis dun ano. A CIG denunciara ante a Inspección de Traballo "irregularidades graves" no servizo, con espazos sen ventilación nin material axeitados, o que ten provocado "indisposicións do persoal, mareos, dores de cabeza e malestar xeral".


Os propios profesionais tamén declararan despois da posta en marcha do hospital estar a "traballar en condicións de fai 40 anos, e os organismos oficiais miran para outro lado".


SELADO AO BALEIRO


Para iso, instaláronse dúas máquinas na área cirúrxica do hospital que selan ao baleiro as bolsas nas que se introducen as mostras de tecidos obtidas da actividade cirúrxica e que deben ser analizadas no servizo de Anatomía Patolóxica.


Deste xeito, segundo explicou o xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, Joaquín Carreró, o envasado atrasa a degradación dos tecidos e permite a súa remisión diferida ao servizo, ademais de eliminar case por completo a exposición ao formol da traballadores da área cirúrxica.


O Servizo de Anatomía Patolóxica da EOXI de Vigo recibe nun ano máis de 42.000 mostras de tecidos, das que aproximadamente 6.000 son susceptibles de ser envasadas ao baleiro.


TOXICIDADE DO FORMOL


O formol é un composto químico necesario para a fixación e conservación das mostras de tecidos obtidas nos quirófanos e consultas, mostras que deben ser remitidas ao servizo de Anatomía Patolóxica para o seu procesamento e estudo.


Recentemente, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) elevou o formol da categoría 2 (sospeita de que pode provocar cancro) á categoría 1 (pode provocar cancro).


Este cambio de cualificación obrigou aos responsables sanitarios e a todas as persoas que teñen que utilizar formol a extremar as precaucións, evitando o contacto excesivo con este axente químico. Con todo, o formol hoxe é imprescindible, aínda que se está investigando activamente no desenvolvemento de substitutos non tóxicos.

relacionada Denuncian "irregularidades" en Anatomía Patológica en el Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress