​Ourense sempre

José Luis Fernández Díaz
Colaborador

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. 

Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.

Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras. 

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Ourenseciudad


A cidade de Ourense é un recuncho de terra que ferve no corazón da Galiza. Unha terra esquecida de moitos, descoñecida por tantos, e explotada por algúns, segue a ser berce de narrativa, deporte, música, pintura, escultura, teatro e poesía. E non ten razón de ser a orde anterior de aparición. Nas xentes amables e humildes de corazón, hai grandes proxectos e empresarios, tamén novos emprendedores, e como non, una boa chea de funcionarios espallados polo país e máis polo resto da Península.


Pensar en Ourense é falar da pedra poética que recende aos Mestres ilustres da ATEO. Aos escritores da revista NÓS. Aos que deron a vida polas liberdades. Aos que fuxiron da fame na inxusta emigración, que non nos deixa vivir, e non para de nos ameazar. Aos intelectuais que nunca retornaron, aos médicos represaliados. A tantos e tantos anónimos que se botaron ao monte. As mulleres que chorando en silencio, ergueron a sona de Ourense, máis alto que os homes. Traballaban o campo, coidaban da casa, gobernaban os animais e ao final do día tecían. Alguén chegou a crer que eran débiles, e hoxe poucas teñen recoñecida unha rúa da cidade.


Tamén Ourense é pedra viva e Augas quentes. O seu potencial termal aínda non o soubemos atender. Estamos aprendendo e só un demente pode desprezar a riqueza natural que cada día agroma no medio do río. Ese río que tardamos en descubrir, e que tanta alegría nos da. Primeiro dividiunos en dous concellos, e hoxe, paseniño móstranos  que entre Ourense e Ponte-Canedo non hai distinción. Así, esa fonte termal, que non deixa de manar, é sinónimo de saúde, calidade de vida. É medicina natural.


Ourense sempre foi un pouco inxenuo na modernización e expansión. Conta un ilustre escritor que alá polos anos finais do século XIX, uns gobernantes desnortados, decidiron por iniciativa propia quitar aqueles atisbos ridículos da época medieval, e unha vez derrubadas as portas da cidade, deixar unhas canles de ventilación óptimas para o corazón do Burgo. Para rematar ben a faena, mudaron o nome das rúas, salvo o 'Salto do Can' que non chegou a ser nunca 'Brinco de Galgo'. Menos mal! Tivo que ser o clamor popular o que parara o proxecto. Pero na actualidade pasa algo semellante. Mentras uns construen, outros desfán. E cando todos sintan que Ourense precisa dos cidadáns, do seu sentir, do seu falar, Ourense medrará nos valores que nunca perdeu e que sempre estamos a procurar. Valores humanos de xentes honradas, que senten o desexo de facer ben aos demais. Sexan daquí ou veñan dalá. Doutros pobos, doutros países ou doutros continentes.


Non nomeei a ningún ilustre dos nosos antergos ou presentes intelectuais. Pero as miñas últimas verbas de hoxe son para unha honrada ourensá de nome Modesta que non podo deixar de citar. Hai dúas semanas, ela atopou un iphone na parada do carrito. O bús, para os máis novos. Non dubidou en ir á Policía Local a devolvelo. Pero alguén lle dixo que chamara aos contactos que había no móbil. Así tentou localizar aos amigos do dono. Por fin cumpriu o seu obxectivo, e ás 23:45h o iphone chegou ás mans do seu dono. Fiquei impresionado e agradecido de poder participar na historia, servindo de enlace entre os dous. Na nosa cidade de Ourense estas cousas aínda son posibles. E así quero que sexa Ourense. Sempre. Non só no Nadal.  

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress