A comisión mixta da AP-9 botará a andar "no primeiro trimestre" do ano
Nunha reunión co secretario de Estado de Infrastruturas, a Xunta puxo de manifesto a necesaria conexión de Lugo coa liña de AVE a Madrid.
A comisión mixta integrada pola Xunta e o Ministerio de Fomento para a xestión da AP-9 constituirase "no primeiro trimestre" do próximo ano. Así o anunciou este venres a Consellería de Infraestruturas tras a reunión mantida pola titular desta carteira, Ethel Vázquez, e o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Piñeiral, na que "abordaron os termos desta comisión", acordada polo presidente galego e o ministro de Fomento a comezos de decembro.
Na reunión, as administracións "avanzaron" na concreción de "os termos do acordo" para a participación do Goberno galego xunto a Fomento na toma de decisións que afecten á Autoestrada do Atlántico.
Segundo informou a Xunta, no encontro o Ministerio de Fomento mostrou o seu "compromiso de impulsar a finalización das obras" para chegada do AVE a Galicia, á vez que destacou "importantes avances" nas últimas semanas "para solucionar os problemas que afectaban a catro tramos".
Así mesmo, Vázquez trasladou ao Goberno central a "necesidade de impulsar a mellora das infraestruturas ferroviarias de Lugo" co obxectivo de que esta provincia "quede conectada co eixo de alta velocidade" e, deste xeito, poida acurtarse o tempo de viaxe a Madrid ata alcanzar as "tres horas".
Escribe tu comentario