Ás voltas coas profecías

Manuel Fernando González Iglesias

Nostradamus


Non se me asusten porque os fans de Nostradamus xurdiron como cogomelos durante esta entrada de primeiro de ano para conectarnos co mais alá en busca das catástrofes, que nin o mesmo Michel de Nôtre-Dáme sabe que deixou escritas nas súas famosas cuartetas apocalípticas.


E é que coa chegada dos Reis Meigos, cada un dos fabricantes de camelos advírtenos, unhas veces de guerras apocalípticas, outras da caída dos imperios mundanos, as máis, de asasinatos de políticos e papas e finalmente de terremotos e accidentes aéreos que, a ninguén se lle escapa, son encaixes "oportunos" dos Expertos actuais, en nome dun visionario intelixente, que soubo gañarse na súa época un prestixio de vidente que o levou a poñerlle data á fin do noso mundo alá polo 3.797 e rematar así a súa obra mestra.


O malo de todo este aluvión de malas noticias é que a Nostradamus non se lle ocorrese advertirnos sobre esta praga de aves de mal agoiro que asustan inmisericordemente desde a súa morte, ás persoas máis inocentes, coma se a vida mesma, non tivese, xa de seu, suficientes malas noticias, como para vivir permanentemente cun 'ai' na garganta por culpa da pésima xestión que fai o ser humano da súa propia existencia.


Este ano, síntoo polo meu Papa favorito, o xesuíta Francisco, ao que xa dan por morto, porque os "feiticeiros da Tribo" din que o vidente francés de orixe xudía o deixou escrito, algo, que se sucede, espero que non, terá unha explicación natural dada a avanzada idade do arxentino, aínda que nese sentido quen ten máis números é o seu antecesor o papa emérito Benedicto que ten máis anos e a saúde máis delicada. Sexa o que sexa, iso non é unha profecía, senón un "comecocos" lamentable para xente tan pouco crédula como un servidor.


O que pase, pasará e a súa lóxica, está no devir do tempo, que unhas veces é inexorable cunhas persoas e, noutras, con aqueles que non o esperan. E nesa roda da fortuna si que entramos todos.


E logo, hai cousas que se poden adiviñar a pouco que se aplique o sentido común. Por exemplo Vds. cren que o que vai ser Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, vai comportarse como unha irmanciña dos pobres, despois do que anunciou na súa campaña electoral? Pois témome que non. E claro, con esa perspectiva por diante, sería de necios, supoñer que, neste planeta, imos ter tranquilidade e acougo durante os catro anos que dure o seu mandato. Pero, claro, iso xa o deixou escrito o bo de Nostradamus. Faltaría máis!


Así que esquézanse do moi ilustre personaxe e non pensen no que vai sucedernos, senón, tan só, nos momentos felices que lles esperan á beira das súas familias durante o novísimo 2017, e sobre todo, o como poden facer algunha cousa para que algún dos seus semellantes sexa máis ditoso este ano. O demais son ganas de amolar ao próximo con historias para non durmir, como facía con singular pericia o mestre Narciso Ibáñez Serrador e o seu pai o gran Ibáñez Menta. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE