​Rueda insiste no bloqueo á Área Metropolitana de Caballero

|

Ruedaxunta


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu este mércores ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, das "consecuencias xurídicas" de seguir adiante coa área Metropolitana cando esta non cumpre os "condicionantes legais" para ser inscrita e cando a súa posta en marcha efectiva está cuestionada pola ausencia da cidade olívica no plan metropolitano de transporte da Xunta.


En declaracións aos medios durante unha visita ao CIM da Lama (Pontevedra), Rueda lamentou que, tras recibir a notificación da Dirección Xeral de Administración Local sobre a negativa para inscribir a área no Rexistro de Entidades Locais de Galicia (RELGA), a resposta do alcalde fose "tirar para adiante e convocar unha nova Xunta de Goberno" do ente.


"Alá o señor Caballero, e alá as consecuencias xurídicas de todo, cando o fácil é arranxar as cousas e cumprir os compromisos", proclamou Rueda, á vez que lembrou que o rexedor olívico asinou o acordo para incorporar o bus urbano ao transporte metropolitano, e logo "rompeuno".


Alfonso Rueda defendeu a posición do goberno galego, que "falou como ten que falar, co ordenamento xurídico por diante", e advertiu de que, mentres que a constitución da área non se axuste á legalidade, "todo o que se faga será contrario ao ordenamento xurídico".


"INTENTO DE CONFRONTACIÓN"


Ademais, o vicepresidente da Xunta criticou que Caballero esgrima unha sentenza do Tribunal Supremo para reclamar a inscrición da área no RELGA, cando "non ten absolutamente nada que ver, nin no fondo nin na forma" co rexistro do ente supramunicipal.


Finalmente, Rueda defendeu que a área pode ser un "instrumento magnífico, se funciona ben" e cumpre coa legalidade. "Se non, o único que será é outro intento do alcalde de Vigo por confrontar coa Xunta, e iso non lle aproveita a ninguén", sentenciou.


XUNTA DE GOBERNO METROPOLITANA


Por outra banda, o alcalde olívico ha confirmado este mércores que a Xunta de Goberno Metropolitana, que conforman os 14 alcaldes da área, reunirase por segunda vez o próximo 11 de xaneiro ás 10.00 horas (a primeira reunión celebrouse o pasado 29 de decembro, e a ela faltaron os seis alcaldes do PP: Baiona, Mos, Redondela, Pazos de Borbén, Salvaterra e Soutomaior).


Segundo figura na orde do día, abordarase a notificación da Xunta coa negativa para inscribir o ente no RELGA, e os primeiros pasos para deseñar o plan bienal de traballo (que inclúe a elaboración dun plan de transporte metropolitano propio).

relacionada Caballero critica que a negativa a inscribir a Área Metropolitana de Vigo "non se sostén xuridicamente"
relacionada Caballero: "A Área Metropolitana está constituída e plenamente operativa"
relacionada ​A Xunta rexeita rexistrar a área Metropolitana e nega validez a Caballero

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress