#Claves de la semana

​Ferrol nomea ao actor Javier Gutiérrez Fillo Predilecto da cidade

A cidade tamén lle outorga o título de Ferrolán do Ano á Escola Obreira de Ferrol durante os actos de San Xiao. 


|

Javiergutierrez


Ferrol celebra este sábado o seu patrón, San Xiao, recoñecendo o labor de importantes figuras e entidades da cidade. Así, nun acto celebrado no Teatro Jofre, o actor Javier Gutiérrez recibiu emocinado o título de Fillo Predilecto da cidade.


Ademais, a cidade tamén outorgou o título de Ferrolán do Ano á Escola Obreira de Ferrol, e recolleron as súas Insignias de Ouro Cope Ferrol, o CEIP Ponzos e a Galería Sargadelos de Ferrol.


A Banda Ferrolá de Música foi a encargada de abrir e pechar o evento, que se sucedeu entre a entrega dos galardóns, intervencións do alcalde da cidade, Jorge Suárez, e dos premiados e vídeos, nos que se explicou a traxectoria dos galardoados neste San Xiao 2017. Con anterioridade, os premiados asinaron no Libro de Ouro da cidade.


O primeiro en recibir a súa distinción como Fillo Predilecto de Ferrol foi o actor Javier Gutiérrez, para quen, chanceou Suárez, o Concello terá que inventar novos recoñecementos para enxalzar a súa "traxectoria imparable". Gutiérrez, quen lle seguíu a broma, afirmou que ten "a cota cuberta" e que en Ferrol xa o teñen "moi visto".


O actor agradeceu o título e asegurou que é "unha inmensa honra" e toda unha responsabilidade, tanto por aquelas persoas que o recibiron antes que el como por todas aquelas "que o merecen máis" que el. Parafraseando ao escritor Torrente Ballester, Javier Gutiérrez recalcou que aínda que non naceu na cidade naval, Ferrol "forxouno e marcouno", e por iso reivindica esta terra, á que, asegurou, sente e ama.


No seu discurso, o actor recoñeceu que os seus primeiros tempos en Madrid lonxe de Ferrol foron difíciles e fixo fincapé en dous momentos especialmente. O primeiro cando, desde o seu primeiro piso en Madrid, vía un edificio desde a súa xanela e non o mar de Caranza; e o segundo cando, "en plena febre de nostalxia e morriña", íase os sábados pola mañá á estación para ver como partían os trens cara a Ferrol.



Javiergutierrezconselleiropoliticasocial


O seu deber agora, como Fillo Predilecto da cidade, é "coidala e amala sen pedir nada a cambio". Afastado do "discurso derrotista" da cidade que teñen algúns ferroláns, e advertindo que é fácil ver as cousas desde a distancia, preguntouse que fai cada un por esta cidade e avogou por "empezar o ano cunha boa dose de amor" e "menos rifas" dos gobernantes.


Javier Gutiérrez finalizou a súa intervención botando en falta a presenza do seu fillo no acto e lembrando a Isidro Silveira, falecido recentemente, "un home que fixo moito por esta cidade e polo Racing", concluíu o actor.


FERROLÁN DO ANO


No centenario da súa fundación, a Escola Obreira de Ferrol foi nomeada como Ferrolán do Ano. O director de Navantia Ferrol e Fene, Xulio Martín, foi o encargado de recoller a distinción e destacou que "ningún outro premio, ningunha outra distinción podería honrar e representar mellor o que esta institución foi para os fillos dos traballadores".


Martín tivo un recordo para todos os traballadores do estaleiro, directores, profesores e alumnos da escola e reivindicou a súa "frutífera herdanza", porque a igualdade de oportunidades faise máis accesible a través da educación, a formación e a cultura, explicou, aspectos nos que a Escola foi "un exemplo notorio".


A Escola Obreira foi concibida para ofrecer aos fillos dos traballadores unha formación humana, académica e tecnolóxica. Moitos dos alumnos entraron a traballar no estaleiro "desenvolvendo unha alta cualificación para os seus oficios" e outros o fixeron nos ámbitos da cultura, o deporte ou o sindicalismo.


O director das factorías manifestou a intención de Navantia de "recoller o testemuño daquela Escola, extraer a súa esencia pioneira e actualizar ese espírito de apoio á mocidade ferrolá". Para iso contarán coa Universidade e os centros de formación profesional.


"O proxecto de transformación do estaleiro e a construción das fragatas F-110 ha de ser un obxectivo común compartido por todos" porque a súa consecución "pode marcar unha nova época en Ferrol", recalcou. E é que "a industria naval pode e debe ser o motor esencial de Ferrol", concluíu Martín.


INSIGNIAS DE OURO


Tamén foron galardoados coas Insignias de Ouro Cope Ferrol polo seu 50 aniversario, o CEIP Ponzos polos seus 25 anos de labor docente e a Galería Sargadelos de Ferrol por máis de 25 anos divulgando a cultura na cidade.


Javier Maroño, director de Cope Galicia, recolleu o galardón agradecendo a complicidade dos oíntes ao longo destes anos porque "sen eles" non poderían "percorrer este camiño apaixonante". Tamén lembrou algún dos programas estrela da cadea como 'Vostede dirá', o programa radiofónico decano de Galicia.


Pola súa banda, o director do CEIP Ponzos, Miguel Casteleiro, quixo facer partícipes deste premio a todos os profesores do centro escolar, que "puxeron moito do seu parte", non só para ensinar aos alumnos, senón para "formar persoas" capaces de convivir, con valores e espírito crítico. Tamén reivindicou Casteleiro a figura dos mestres, "aos que tanto se lles esixe e tan pouco se lles valora".


Por último, en representación de Sargadelos Ferrol, José Lorenzo recibiu o premio reivindicado a "utilidade do inútil" e a necesidade de contar con centros de referencia como a Galería Sargadelos de Ferrol porque sen eles "resultará cada vez máis difícil entender para que poden servir a literatura, a arte, a cerámica galega". Sobre todo nun momento no que "resulta fácil entender a eficacia dun utensilio", pero non a do coñecemento.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE