​O Museo do Pobo Galego cumpre 40 anos e busca novos socios

|

Escaleiramuseopobogalego


O Museo do Pobo Galego, situado no convento de San Domingos de Bonaval da capital galega, busca novos socios a través da campaña 'Teño un museo', que se trasladará desde as redes sociais --onde se iniciou no pasado mes de xuño-- ás rúas de Santiago de Compostela grazas á colaboración do Concello da cidade.


Este luns tivo lugar a presentación da campaña que, ademais da captación de novos socios, busca "visibilizar" e "aumentar a base social" do Museo do Pobo Galego, que este ano celebra o 40 aniversario da súa apertura, en outubro de 1977.


O acto contou coa presenza do rexedor compostelán, Martiño Noriega, o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, e o fotógrafo e representante dos socios da entidade, Tino Viz, quen resaltou que o aumento do número de afiliados axudará a "reforzar a independencia" do museo.


"Todo o mundo sabe que é o Museo do Pobo Galego pero ninguén sabe de quen é. O museo é dos socios, dos galegos", incidiu Viz, para logo asegurar que o "formato de asociación" que ten a entidade cumpre con "tres funcións": garantir a "pluralidade", "o dinamismo" e actuar como "soporte económico" do museo.


Un museo que "se asocia con Santiago" pero que pertence "ao conxunto do país" e que serve para loitar contra a "triste unificación cultural" que fai que se perda "a esencia dos lugares", apostilou Viz.


CAMPAÑA


Así, a campaña 'Teño un museo' trasladarase da rede ás rúas de Santiago a través da instalación de paneis de publicidade, que estarán protagonizados por 21 socios e socias do museo. Estes escolleron unha peza do museo e unha frase para completar xunto á súa foto "un triángulo" nas imaxes que se instalarán en diferentes puntos da cidade.


O Museo do Pobo Galego cumpre 40 anos da súa apertura neste recentemente iniciado 2017, unha efeméride con "carga simbólica" que, en palabras de Martiño Noriega, debe aproveitarse para "amplificar e poñer en valor" un museo "referencial" para Santiago e toda Galicia.


CORENTA ANIVERSIARIO


O presidente do Padroado da identidade, Xusto Beramendi, enxalzou a "importancia" do Concello santiagués "ao longo destes 40 anos" desde que naquel ano 1976 o Consistorio decidise "atender á solicitude" dun grupo de persoas que reclamaba converter San Domingos de Bonaval nun museo centrado en Galicia.


Un centro que, para Beramendi, serve para "fomentar a análise" dos "problemas" de Galicia, así como a "procura de solucións" para os mesmos, polo que reiterou a importancia de captar novos apoios "non só pola contribución económica" que isto supoñería, senón porque serviría para agrandar as "raíces sociais do museo".


Actualmente, o Museo do Pobo Galego conta con 1.700 asociados, a cota mínima por socio é de 30 euros --existen tamén tarifas para nenos-- e os afiliados dispoñen de deducións fiscais ao tratarse dunha asociación sen ánimo de lucro.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress