#Claves de la semana

​As forzas políticas pretenden consensuar a posición galega sobre o financiamento

Só o BNG se mantén na súa proposta de máximos. O PPdeG di que haberá "canles de comunicación" e PSdeG e En Marea móstranse dispostos ao diálogo, pero sen "cheques en branco".


|

Xuntaportavocesparlamento


O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, insistiu en chamar ao "consenso" para que a Xunta poida defender unha posición de Galicia no debate do financiamento autonómico, mentres que En Marea e o PSdeG ratificaron a súa postura favorable ao diálogo pero con "condicións", sen "cheques en branco". O BNG reafirmouse no seu defensa do concerto económico.


Tras a Xunta de Portavoces, a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, instou a PPdeG, PSdeG e En Marea a "non ser cómplices de colocar a Galicia no tren das rexións, rebaixando o status" de nacionalidade histórica, á vez que insistiu no modelo de concerto.


Así as cousas, animoulles a abandonar "esa idea centralista" de que Galicia "non pode e non ten capacidade para financiar os seus servizos públicos" porque é "unha idea falsa para manter unha Galicia sumisa e dependente". "O Estado fai caixa en Galicia", aseverou e incidiu en que "recada 3.000 millóns de euros máis dos que inviste".


Por iso, reafirmouse en que resulta "incomprensible" que PP, PSdeG e En Marea "prefiran que sexa Montoro quen administre os recursos dos galegos no canto de que se xestionen desde Galicia". Así mesmo, ante a Conferencia de Presidentes da semana próxima, asegurou temer polo papel que vaia a xogar Alberto Núñez Feijóo.


Ao seu xuízo, todo apunta que defenderá "máis do mesmo nunha repetición anunciada do fracaso de 2009". Fronte a iso, instoulle a que "se comporte como o presidente dunha nación", o que implicaría "establecer unha negociación bilateral co Estado como xa teñen de facto Euskadi, Navarra ou Cataluña".


INSTRUMENTOS PARA DIALOGAR


Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, urxiu a Feijóo e ao PP a poñer as súas propostas sobre a mesa, así como a articular os mecanismos e instrumentos necesarios para o diálogo ao que apelan reiteradamente os populares.


"O PP é o que debe mover ficha e explicarnos o que pensa facer", subliñou, tras ser preguntado acerca de se o PSdeG planea algún movemento ante a proximidade da Conferencia de Presidentes.


Non en balde, lembrou que o Grupo Socialista interpelou a Feijóo nunha sesión de control do Parlamento de decembro sobre este asunto sen obter "unha resposta concreta", polo que ve "meramente retórica" a chamada dos populares ao consenso e á unidade.


Así, advertiu que os socialistas non darán "un cheque en branco" ao PP e avanzou a intención dos socialistas de impulsar unha iniciativa no próximo pleno "que obrigue a todos os deputados a definirse".


O obxectivo do PSdeG, remarcou, é "perfeccionar o modelo actual", que xa incorpora baremos como o da dispersión poboacional" e "mellorar a solidariedade" entre as comunidades. Ademais, os socialistas reclaman mecanismos que garantan "o equilibrio" no crecemento territorial, para reducir as desigualdades no desenvolvemento das distintas comunidades.


"CONDICIÓNS" DE EN MAREA


O portavoz de En Marea na Cámara, Luís Villares, tamén lanzou unha advertencia ao PP: só pactará un sistema de financiamento no que "as maiorías do país saian gañando". "Se non, que non conten connosco", advertiu, antes de impoñer "dúas condicións: que haxa recursos para garantir os servizos sociais básicos e tamén fondos adicionais para poder implementar unha axenda propia en Galicia".


A primeira condición, "básica pero non suficiente" para En Marea, complementaríase así coa dotación de recursos que permitan, mediante "unha política económica diferente", cambiar "a situación laboral, social e demográfica en Galicia".


"O novo modelo non debe paliar os problemas de financiamento en Galicia, senón curalos", subliñou Villares, defensor dun sistema "propio", que "non se conforme con imitar" a outros existentes no escenario xeral ou outras autonomías e que non serían beneficiosos para os galegos. "Fronte a un sistema de status quo queremos remediar os problemas de Galicia", aseverou.


O dirixente de En Marea manifestou o seu desexo de que o resto de forzas se sitúen "nas mesmas coordinadas" que a forza rupturista e se poida establecer "unha verdadeira postura de país".


HABERÁ "CANLES DE COMUNICACIÓN"


Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou lóxico que os seus rivais desconfíen do PP e da postura que poida defender Feijóo, pero insistiu en chamar ao consenso. "Para iso están, senón non cumprirían a súa misión", constatou.


Dito isto, tras remarcar que o "protagonismo" no debate de financiamento é do Executivo e despois de ser preguntado polas dúbidas do PSdeG en canto á falta de mecanismos de diálogo, mostrouse convencido de que o Goberno galego "buscará manter canles de comunicación para lograr unha postura apoiada por máis grupos na Cámara".


Tamén destacou o salto que supón a convocatoria dunha Conferencia de Presidentes para abordar esta cuestión desde unha perspectiva "multilateral" e contrastouno co ocorrido no debate do sistema de financiamento de 2009.


"Entón houbo unha proposta que se presentou a Galicia a 24 horas do seu debate e acompañada dunha ameaza de que, ou se subscribía un acordo pactado previamente con Cataluña ou non se entraba no adiamento das liquidacións negativas en cinco anos. Imaxínese o que sería devolver 2.100 millóns en 2010. Galicia asinou aquilo por responsabilidade", rememorou.

relacionada ​O Bloque inicia unha campaña a prol do concerto económico para Galicia
relacionada ​O PPdeG prevé unha negociación "complexa" no debate do financiamento
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE