PACTO PP-PSDEG PARA RENOVAR INSTITUCIÓNS

Besteiro será senador por designación autonómica

|

O Parlamento Galego renovará en senllos plenos que comezarán o vindeiro luns un posto de senador por designación autonómica pola renuncia de Paula Fernández, que será substituída por José Ramón Gómez Besteiro, e tamén nomeará tres membros para o Consello de Contas.


A próxima semana o Parlamento celebrará un pleno extraordinario, o luns, co único punto do día de nomeamento de senador por designación autonómica e a continuación, segundo acordou este martes a Xunta de Portavoces,

comezará o último pleno ordinario do período de sesións, que se celebrará luns e martes xa que o mércores é día festivo en Santiago.


Gómez Besteiro, líder do PSdeG, será a proposta do grupo socialista, e o grupo maioritario, o PPdeG, non obstaculizará a súa designación; mentres que AGE e BNG coincidiron en criticar os "pactos" entre os partidos maioritarios para este relevo e tamén para renovar institucións que levaban anos paralizadas, como o Consello de Contas ou o Valedor.


O cambio do Valedor, para o que o PP propuxo a Milagros Otero, e que o PSdeG non obstaculizará, xa que son necesarios 3/5 da Cámara (45 votos) mentres que o PP ten 41, farase noutro pleno, xa que antes debe pasar pola Comisión de Peticións.


O pleno ordinario comezará coa renovación de tres membros do Consello de Contas, a vacante de Luciano Fariña, falecido, a de Antonio López, que renunciou, e a do actual conselleiro maior, Jesús Palmou, a quen caducou o mandato hai meses. Os outros dous membros deste organismo Dositeo Rodríguez e Ramón Núñez cumprirán o seu mandato o próximo mes de novembro.


Non hai acordo entre PP e PSdeG, de momento, para renovar outro dos organismos pendente neste caso desde hai anos, o consello de administración da CRTVG. Antes é preciso que se aprobe o mandato marco no Parlamento, un texto sobre o que non hai o consenso suficiente entre o grupos para que salga adiante.


O portavoz do PSdeG no Parlamento, José Luis Méndez Romeu, defendeu que a proposta de Gómez Besteiro para o Senado xa que é a persoa que ostenta a máxima representación do partido e decidira finalizar a súa carreira na política local. Ademais, negou que esta substitución obedeza á necesidade de dar un salario a Gómez Besteiro, xa que a súa tarefa de defender un proxecto alternativo en Galicia e de control de goberno require de presenza institucional nas cámaras lexislativas.

Este cambio de senador, con todo, xunto cos outros dous, Juan Manuel Jiménez Morán e Enrique López Veiga, ambos a proposta do PP, deberán ser revisados tras as eleccións xerais, previstas, en principio, para o próximo mes de novembro.

En canto ao pleno ordinario, ademais da renovación do Consello de Contas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberá responder a cuestións sobre a política autonómica de libros de texto, preguntado polo PSdeG e por AGE, e tamén sobre as responsabilidades no Goberno galego tras a sentenza do Tribunal Supremo que ratifica outra do TSXG sobre a ilegalidade da supresión do concurso eólico do bipartito.



Lei de dignidade dos enfermos terminais


O Parlamento aprobará, ademais, cun amplo respaldo, segundo anunciaron os grupos, unha proposición de lei socialista sobre os dereitos e dignidade dos enfermos en situación terminal e debaterá a admisión a trámite dunha proposición do BNG para reformar a Lei de caza e prohibir que se use munición de chumbo.

Ademais, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, comparecerá para dar conta do desenvolvemento da estratexia de innovación da Xunta, a denominada RIS3 -polas súas siglas en inglés-.


Libros de texto


O responsable de Educación, Román Rodríguez, informará os currículos de ESO e Bacharelato de acordo coa nova Lei educativa, a LOMCE.



Tamén haberá iniciativas sobre a Fundación Cela, o financiamento das pemes, o estado dos servizos sociais nos municipios, a situación do sector lácteo, o proceso de selección do novo director do CGAC e o presunto financiamento ilegal do PP, entre outras iniciativas. 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress