#Claves de la semana
26 E 27 DE NOVEMBRO NA TECNÓPOLE

Encontro multisectorial en Galicia dos sectores Biotecnolóxico, Agroalimentario e Biomasa

Tecnópole será os días 26 e 27 de novembro o epicentro da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación


|


Manuel Varela(c), director de la Axencia Galega de Innovación, durante la presentación del evento.


O congreso Agrobiotech Innovación reunirá esta semana na Tecnópole a máis de 300 empresas e entidades de toda España, Francia e Portugal. Este evento enmárcase no programa do mesmo nome co que a Xunta vai un paso máis alá na súa estratexia de apoio ás pemes innovadoras de sectores aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).


Durante un encontro informativo celebrado esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en Ourense, lugar no que terá lugar o congreso os vindeiros xoves 26 e venres 27 de novembro, o director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, afirmou que este evento é “unha oportunidade para o intercambio de experiencias entre as nosas pemes, para o establecemento de novas relacións empresariais nunha contorna internacional e para a proxección de Ourense e de toda Galicia, xa que esta cita permítenos situarnos como referente en tres sectores de carácter estratéxico”.

O programa Agrobiotech Innovación é unha iniciativa novidosa dotada con 700.000 euros que a Xunta puxo en marcha a través da Gain para completar os seus instrumentos de apoio á aceleración da innovación. Logo de impulsar iniciativas como Vía Galicia e Galicia Open Future, centradas no apoio ao emprendemento, “este novo programa introduce o soporte a pemes xa consolidadas con produtos e servizos altamente innovadores e un elevado potencial de crecemento”, especificou Varela. Ademais, deste xeito, a carón de instrumentos de financiamento a través de programas como o Conecta-Peme e os fondos de investimento, o Agrobiotech Innovación permitiu activar ferramentas de asesoramento experto para a comercialización e internacionalización dos produtos e servizos resultantes da actividade innovadora das pemes.

Tal e como lembrou o director da Gain, o programa desenvolveuse en dúas fases. Na primeira, 11 empresas dos sectores da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación beneficiaronse de itinerarios de innovación individualizados, adaptados ás súas necesidades máis específicas, para incrementar a súa competitividade. Na segunda, máis de 200 empresas galegas participaron en 9 talleres de capacitación sobre aspectos estratéxicos: xestión, financiamento, liderado de produto e comercialización e internacionalización. Ademais, no marco do programa celebrouse a edición deste ano da Lonxa de Investidores Bio, na que 7 emprendedores do sector da biotecnoloxía presentaron os seus proxectos ante 15 fondos de investimento para abrir oportunidades de financiamento.

O epicentro da innovación

Tal e como afirmou a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Carme Pampín, o encontro desta semana convertirá a Tecnópole “no epicentro da innovación en tres sectores estratéxicos para o futuro, indispensables para levar ao mercado produtos tan necesarios como alimentos funcionais, fármacos personalizados e combustibles sostibles”. No caso do sector que ela representa, lembrou que as empresas galegas suman unha facturación anual de 250 millóns de euros e que a investigación biotecnolóxica emprega en Galicia a 3.000 persoas entre os ámbitos público e privado. “É un orgullo mostrar que o sector bio galego está preparado para competir a nivel internacional”, afirmou Pampín, en referencia ao encontro desta semana.

A directora financeira da Tecnópole, Luisa Pena, destacou a colaboración de Bioga e doutras entidades como Asebio, o Cetal e o Clúster Alimentario de Galicia na organización do congreso, “entidades estratéxicas destes tres sectores que coñecen mellor que ninguén as necesidades de intercambio de coñecemento das súas empresas”.

Pena lembrou que 45 expertos a nivel internacional ofrecerán entre o xoves e o venres un total de 15 ponencias paralelas sobre temas como os alimentos e cosméticos funcionais, os biocombustibles de segunda xeración, experiencias de éxito na promoción da agricultura ecolóxica e novas fórmulas para mellorar a vida útil dos produtos lácteos, entre outros.

Entre os ponentes atópanse representantes de empresas como Bayer, AstraZéneca, Unilever e Glaxo Smith Kline (GSK); e de entidades de investigación como AgroParisTech, o Centro de Investigación en Nutrición e Envellecemento da Universidade de Tufts (Boston) e a Universidade de Porto.

Para favorecer o intercambio de coñecemento especializado, ademais dos relatorios organizaranse mesas redondas e talleres sectoriais a cargo de expertos en cada unha das tres áreas de referencia. Unha grande área de exposición gratuíta permitirá a 34 empresas e profesionais mostrar os seus produtos e realizar presentacións e demostracións. De maneira complementaria, habilitarase un espazo de networking para favorecer os contactos profesionais e institucionais. Co fin de favorecer o contacto directo, estase a programar unha axenda de reunións “one to one” e facilitarase un espazo onde emprendedores dos ámbitos da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa poderán presentar nun formato áxil de 10 minutos os seus proxectos a potenciais investidores. O programa completarase con visitas guiadas a empresas e centros tecnolóxicos con actividade nos sectores de referencia.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE