Os gardacostas requisan perto de 1.270 quilos de peixe e marisco e 193 aparellos de pesca en diversos operativos contra o furtivismo
Os axentes de gardacostas fixéronse tamén con 5.400 metros de artes de enmalle
Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 1.270 quilos de peixe e marisco e 194 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral galego durante a semana pasada. Os inspectores da Xunta tamén se fixeron con 5.400 metros de artes de enmalle. Estes son os resultados dos controis que está levando a cabo a Consellería do Mar para vixiar a extracción ilegal de cara ás festas de Nadal
Na ría de Arousa houbo varios operativos que deron como resultado o comiso de máis de 977 quilos aparellos e a incautación de 70 aparellos de pesca e 4.400 metros de aparellos de enmalle. A actuación máis relevante foi nos portos de Tragove e Meloxo, nos que se comisaron 180 quilos de reló, 115 de volandeira, 46 de centola, 38 de nécora e 12 de camarón e nos que se incautaron 12 sacos viveiros sen identificar.
Por outra banda, na ría de Pontevedra os gardacostas requisaron preto de 240 quilos de diversas especies e 111 útiles. O operativo máis destacado foi nos portos de Bueu e Beluso, onde os axentes incautaron preto de 160 quilos de centola, 21 de nécora, preto de 19 de vieira, 8 de ostra, máis de 4 de camarón e 19 viveiros de rede por carecer de identificación.
A ría de Ferrol tamén foi escenario de varios operativos que se saldaron coa incautación de 1.000 metros de artes de enmalle, 4 aparellos de pesca e 25 quilos de especies, a maioría ameixa babosa.
En Cabo Ortegal e A Bandexa, en Ortigueira, os axentes incautaron 3 palangrillos con 530 anzois que se atopaban sen identificar. Ademais, na praia do Ézaro e Punta Castelo, en Dumbría, os inspectores requisaron 16 quilos de centola e 4 útiles de pesca.
Ademais, nun operativo na praia de Area de Bon, en Aldán, os axentes comisaron preto de 6 quilos de centola, polbo e nécora e noutra actuación na ría de Vigo fixéronse con 7 quilos de bruños e cun equipo de mergullo.
Escribe tu comentario