#Claves de la semana

PSOE e Democracia Ourensana reclaman a dimisión de Baltar no pleno da Deputación

Presentaron unha moción conxunta por vía de urxencia que reclama a dimisión do presidente da Deputación para "manter a dignidade da institución"


|


PSOE e Democracia Ourensana presentaron na mañá deste venres unha moción conxunta por vía de urxencia que reclama a dimisión do presidente da Deputación, Manuel Baltar, ante a súa nova situación xudicial en calidade de investigado por un presunto delito de suborno.


A moción, presentada ao comezo do pleno da institución provincial, esixe ao titular da Deputación "a súa renuncia ao cargo" co obxectivo de "manter a dignidade da institución".


O escrito, asinado polos dez deputados provinciais do PSOE e D.O., resalta que as acusacións contra Manuel Baltar sobre suborno e indicios de tráfico de influencias "son o suficientemente graves como para que non permaneza nin un segundo máis no cargo".


Aínda que os deputados da oposición presentaron a moción ao comezo da sesión, reclamando a "urxencia" desta cuestión, desde o PP aprobouse seguir coa orde do día e trasladouse este tema ao último punto da xornada.

Momentos antes de entrar en sala os portavoces dos tres grupos políticos da oposición coincidiron en reclamar a dimisión do presidente da Deputación.


Neste sentido, o portavoz socialista, Ignacio Gómez, considerou que o cambio na situación de Manuel Baltar, que pasa a estar investigado por un suposto delito de suborno supón un "maior motivo" para reclamar a súa dimisión á fronte da Deputación.


"Entendemos que a escusa que poñía de que era un tema estritamente persoal, con esta nova vía xudicial que se abre xa non teñen sentido seguir demorando a súa dimisión", sinalou Gómez antes de pedirlle ao presidente da Deputación que se "bote a un lado" e se defenda á marxe do órgano provincial.


Do mesmo xeito, o portavoz de Democracia Ourensana insistiu na necesidade de que Baltar dimita "en coherencia co código ético que el mesmo promoveu nesta institución". "Consideramos que non é un interlocutor válido nesta cámara e que o máis coherente, digno e honesto que pode facer neste momento é dimitir do seu cargo", apuntou.


Pola súa banda, o BNG non se sumou a esta moción de urxencia, con todo, momentos antes de entrar no Pleno o seu portavoz, Ramiro Delgado reiterou que "a única solución" é que "alguén por enriba de Baltar tome cartas no asunto e lle obrigue a deixar o cargo ao que está aferrado".


Delgado referíase deste xeito ao presidente da Xunta, Alberto Núñez, ou á dirección nacional do Partido Popular.


relacionada Baltar volverá a presentarse ao Congreso do PP de Ourense e non responde sobre a súa citación xudicial
relacionada Citan como investigados a Baltar e á muller que o denunciou por acoso sexual
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE