Junqueras e a Virxe do Puño

Manuel Fernando González Iglesias

Parece ser, aseguran fontes ben informadas, é seguro que... e outros topicazos que usamos os xornalistas para disimular que non temos nin maldita idea do asunto que tratamos, que a Oriol Junqueras se lle apareceu a Virxe do Puño, que é a patroa da Facenda española e o convenceu para que chamase ao seu peor inimigo, o Ministro Montoro, para falarlle do diñeiro que fai falta nos próximos meses para pagar aos funcionarios que, por suposto, hai que sacar da conta común do Estado. Ese mesmo día, a protectora dos diñeiros públicos, tamén convenceu ao Vicepresidente de Catalunya e Xefe de xefes independentistas, de que tiña que falar e verse co moi devoto Ministro Guindos para tratar da reconversión da débeda, non á fe cristiá, senón ao tamén moi longo prazo, a fin de afrontar o ano electoral en funcións, con santa paciencia e posible concordia.



Non está mal para un só día, e menos para quen "oficialmente" non é President da Generalitat, aínda que de facto actúe como tal. A súa caída do cabalo foi realmente moi espectacular ¡dúas veces na mesma xornada! e ademais en terra santa aeroportuaria, que é a que só pisan todos os membros do goberno popular cando veñen a Catalunya. A este ritmo, pronto veremos ao Capo Supremo do Govern da Generalitat tomándose un oruxo con Felipe VI para aclarar os malentendidos do "procés" e enviando a Joan Tardá de pregoeiro á Patum e ao "charnego" Rufián de animador socio-cultural á Feira de Abril, para estreitar lazos e marcarse unhas sevillanas co académico Pérez Reverte, o Alatriste.



Un, que sempre creu que o diálogo o arranxa todo, felicítase de que os que teñen que solucionar os problemas da xente, lle boten un par de botelos ao caldo político e se digan as verdades en nome dos seus votantes, xa que, ao facelo, poden ata poñer ao día a débeda farmacéutica ou que os sufridos traballadores públicos cobren o seu soldo cando lles toca. Ben, pois, por Junqueras e polos seus dous novos amigos do Goberno Rajoy que, estou seguro, aínda que estean en funcións, saberán cumprir coa parte que lles toca, sobre todo, porque os dos medios dixitais imos estar moi pendentes dos seus feitos financeiros, que para iso estamos.



E sobre todo, grazas á Virxe do Puño, por iluminalos a todos, nuns tempos de tanta escuridade política, nos que os nosos pais da patria, iso de pactar co adversario ideolóxico, non o ven aínda nada claro.  

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE