A Sanidade pública en Galicia

Manuel Fernando González Iglesias

Non gardo nin persoal nin familiarmente un bo recordo da sanidade pública galega. Ao meu pai operárono dunha rotura na cadeira tras unha caída no Juan Canalejo de A Coruña, e tras asegurarme o cirurxián que o interveu que o mandaba a casa porque "todo fora moi ben", ao día seguinte recibín unha chamada dun familiar na que me anunciaba a súa "inesperada morte" entre bágoas de asombro e impotencia. A día de hoxe, aínda non conseguín falar co xenio causante de tal --para min-- "homicidio imprudente". Nin tampouco o hospital me deu unha explicación sobre o tema.


Poucos meses despois, por se o drama non tivese segunda parte, á vida do falecido, ou sexa á miña pobre nai, ma ingresan por unha subida de tensión, e a diagnostican de ictus; machúcana a fármacos, déixana sen fala nin movemento e ma teño que traer a Catalunya en "cadeira de rodas" para que ma resuciten no Hospital que os irmáns de San Juan de Deus teñen por estes pagos cataláns. Hoxe, uns dez anos despois, a enferma ten 91 anos, goza dunha ancianidade aceptable e a cadeira de marras quedou aparcada en casa aos dous meses de ser atendida en Catalunya. Ao parecer, o "outro xenio" da sanidade pública galega que a atendeu “equivocouse" no diagnóstico e polo tanto na medicación correspondente. Menos mal que o que escribe hoxe neste diario soubo ler entre liñas e adiviñar o que lle estaba pasando á enferma, que non era outra cousa que as secuelas dunha sanidade pública terceiromundista e perigosa.


Non, non me gusta como vai a sanidade pública galega. E como editor deste diario galego, pedinlle aos seus xornalistas que este tema o trate con actitude defensiva fronte aos responsables políticos. Ou sexa, que non lle pasen nin unha ao goberno de quenda, que ten empobrecido orzamentalmente os nosos hospitais e ambulatorios e que toma decisións tan censurables e vergoñentas como as que se adoptaron "manu militari" contra os enfermos de hepatite, que custaron tantas vidas e que provocaron unha onda de protestas de familiares e enfermos. Por certo, nese tema, o Presidente da Xunta a min me parece que mentiu como un ‘bellaco’ e se iso é o que pensa facer no futuro para defender a saúde de todos os galegos, mellor que non gañe as eleccións e se vaia a Madrid, salvo que queiramos correr todos os cidadáns o risco palmario de ter aos nosos familiares en constante perigo porque ao persoal sanitario lles poñan á fronte un "terminator" dos recursos sanitarios de todos.


Hoxe poderán ler no noso diario a noticia do traslado a Fiscalía do asunto dos atrasos dos pacientes oncolóxicos en Santiago. Un episodio máis desta "longa noite de pedra" que padece a Galicia actual na súa sanidade pública, grazas a uns dirixentes políticos torpes e incompetentes. Sigan o tema, que nós , por suposto, non o deixaremos, porque o eslogan Galicia Calidade --para este medio-- é coidar ben dos nosos enfermos, pagar as pensións aos nosos vellos e que nos comedores infantís non falte comida para os nosos pequenos e se habiliten as prazas necesarias para todos eles. E se para iso hai que enviar a casa de maneira urxente, en ambulancia post electoral ou escribindo editoriais como este, a varios políticos incompetentes, fagámolo. Merece a pena e non hai que terlle medo a nada, nin a ninguén.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE