O 'SorPablo'

Manuel Fernando González Iglesias

Anda o CIS facendo das súas meténdolle o dedo no ollo ao elector /a clase media, anunciándolle que Pablo e Alberto van dar o "sorpasso" ou "o sorpapo" ao PSOE para que se asusten de verdade e vaian votar por vía de urxencia sociata o próximo día 26 de xuño, se non queren que "os comunistas" agora disfrazados de "socialdemócratas" alcancen a gloria electoral pola vía do escano ou do voto útil.


Nós, se iso sucede, deixaremos de chamarlle ao feito sorpasso, que soa a procesión de semana santa, e pasaremos a inventarnos o palabro "sorpablo" en honra do principal artífice desta fazaña electoral quen, co seu aspecto progre e coleteira, fixo posible que os encabuxados e os desertores da esquerda tradicional se puxesen de acordo para mostrarnos que "se se pode" foder ao próximo político sen facer apenas nada, igualiño que o seu "sensei" Mariano Rajoy.


Se os números que saen o día en que se celebra a onomástica de José Maria Escrivá de Balaguer, santo fundador do Opus Dei, son os do CIS, que haberá que velo, Podemos non gobernará España porque non obtén maioría absoluta. E como non a obtén, o PSOE non lla dará, pola sinxela razón de que Pedro Sánchez, cos resultados que dá a enquisa, quedará sen mando en praza e a decisión de pactos recaerá en mans de quen na rúa Ferraz, de Pablo Igresias e Alberto Garzón non queren oír falar, nin en misa de 12 aínda que esta a diga o Papa Francisco.


A partir de aí, só falta que a Europa dos vetos e do diñeiro atope a fórmula para que Rajoy se vaia a comer percebes á "Loliña" en olor de santidade e entre os tres que queden atopen unha figura de prestixio que presida un goberno de concentración á "alfonsina" que tire millas e axude aos xuíces para desmontar a "trama bolivariana", coma se dunha Gürtel calquera se tratase, e consome o peche por derriba da Casa podemita. Aforrareilles a Vds. o bochorno de falarlles da resurrección mediática da pantasma da Fronte Popular tan querido polos dixitais próximos ao actual inquilino da Moncloa, porque me parece unha broma de mal gusto e unha falta de respecto aos nosos antepasados republicanos, que a min me merecen un respecto.


Así que para finalizar, un apuntamento do telexornal que asinaría o mesmísimo Buruaga: iso é o que di o CIS e así llo contamos. Seguirémoslles informando.


Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE