#Claves de la semana

"Gandarón", unha novela total

Todo isto configura un libro, xa se dixo, total, mais tamén moi rechamante


|

VicenteAraguasLembro cando o Celtic de Glasgow gañara o Copa de Europa de 1967, ao Inter, en Lisboa, que se falara por primeira vez de fútbol total. E é que aqueles nachiños escoceses, e católicos, atacaban, defendían, subían, baixaban nun baile (louco pero ben organizado) de derviches xiróvagos.


Pensaba nesta definición nestes días en que tiven de me meter, as cousas do directo, toda seguidiña esta novela, Gandarón (Ir Indo Edicións, Vigo, 2016) de Eladio Rodríguez Fernández, un vitiucultor, con adega de seu no Ribeiro. 


Un novelista recén mais que demostra moi boa disposición e maneiras para o complexo e delicado mester do escritor. De momento o Eladio non lle ten medo ás catrocentas páxinas do que consta o seu libro, mostra nidia dun labor (físico e mental) moi intenso. Intensidade que non se transmite ao lector, porque este, xustamente pois está diante dun libro total, como dixen, cheo de sorpresas, recursos e amenidades, non se vai sentir en absoluto canso.


Gandaronportada 2

Digo isto desde a miña parcialiade pola literatura realista, sendo Gandarón (subitulado “ou o gran falo megalítico de Pena Corneira”) unha novela fantástica, cun aquel de comic (inevitable sinalar as pegadas de Astéríx, e non soamente nas denominacións dos druidas, bardos e demais máis a presencia do beberete estimulante e a grande troula do remate), de novela “de caballerías”, mesmo –tamén- de realismo máxico. Ao que compre engadir, por iso falo de totalidades, poemas do autor, intercalados ao xeito de Don Miguel de Cervantes, cantigas populares e cancións de cantautores (así o bardo Zeca Afonso) ou de grupos folclóricos, coa cousa de que o autor indica a pé de páxina como chegar aos temas citados.


Todo isto configura un libro, xa se dixo, total, mais tamén moi rechamante (cadro co prologuista, Xesús Alonso Montero, criado nas terras que aquí se mencionan, observador curioso de cativo do falo este ao que seu tío Clodomiro chamaba “o carallo Corneira”)


Con todo xa non coincido co presidente da RAG en que esta novela gañaría compendiada. Para min que o seu aquel está tamén na súa lonxitude, nas ringleiras léxicas que Don Eladio aplica cando se trata de nomear fauna, flora, armas ou –naturalmente- aspectos relativos á viticultura na que el, como xa se dixo, é moi sabido e –mesmo- erudito. 


Do que resulta un volume escrito nun galego riquísimo, mesmo no aplicable ao léxico cornaso, obviamente derivado de Corneira, cerne e centro de novela tan singular como a que teño diante miña. Que lin en tres ou catro sesions, enleado en batallas, vóos fantásticos, semideuses e semideusas e ríos fecundados polo falo megalítico, que para iso está (entre outras cousas). 


Un libro, pois, diferente que terá de prestarlle á cativallada, quen de ler a Tolkien cunha facilidade da que eu non dispoño. E ollo que Tolkien está nas historas da literatura inglesa moderna. Eu non sei se acontecerá o mesmo con Eladio Rodríguez Fernández. Vimbios ten. Mais, desde logo, que outros ben asentados nos manuais “ad usum”.

O que hai.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE