Irmáns portugueses

Manuel Fernando González Iglesias

Cando o gran Carballo Calero vivía non estaba este xornalista moi polas súas teorías do lusismo, porque cría que co galego que herdaramos da Xeración Nós poderiamos apañárnolas en Galicia e que ninguén se atrevería a desprezalo. Non contaba este contacousas coa desgraciada actuación dos "normalizadores", que coa axuda de impresentables e lambecús converteron a lingua de Pondal e Rosalía nunha puñetera xerga de "palabros" que se pegan de narices cos versos de Ferreiro e Manuel María e aínda, moito máis cos de Ramón Cabanillas e Curros Enríquez.


Desde aqueles tempos tan fermosos nos que puiden discutir imprudentemente a miña disidencia co propio Carballo Calero mentres falaba o galego de Nós co meu adorado Isaac Díaz Pardo, pasaron moitas cousas e ningunha boa para o idioma da aldea do Balbino de Neira Vilas. Por iso, desde entón, encerreime na lingua dos vellos galeguistas e negueime a falar o idioma que se ensina aos nenos nas escolas, e que unha nova xeración de universitarios verte cada día por exemplo no noso Galicia Press, onde os textos que escribo e vostedes teñen a amabilidade de ler os traducen algúns dos meus novos compañeiros que cada día me aguantan e dos que recibo a súa xenerosa enerxía. Parecémonos á Telegaita na letra por imperativo legal, pero se se fixan ben, a música social e política non é a mesma.


Por iso estraño o lusismo de Carballo Calero, sobre todo aquela parte que soñaba cunha lingua común entre portugueses e galegos, e tras dela a Ítaca dun estado federado con quen aguantan desde hai varios séculos a nosa prepotencia e algunhas veces, intolerable menosprezo, sen se queixar o máis mínimo. Eu os portugueses quéroos moito, son os meus irmáns, e cada ano visítoos e respiro o aire puro dos seus piñeirais tan parecidos aos que Pondal e Veiga reflectiron no seu inesquecible poema de amor a unha terra e unha nación sen estado.


Onte a selección de Portugal, co parvo de Ronaldo no banco, gañou a Eurocopa, un feito relevante no deportivo e no mediático. E claro, eu alegreime moito porque sei que hoxe este pobo tan machucado por Bruxelas e o FMI nos últimos anos levantouse da súa prostración e díxonos a todos o grandes que son e o pouco que presumen diso. É a historia, cretinos, é a historia. Viva Portugal!


PD: Este artigo está dedicado a dous xornalistas galegos da nova xeración que empuxa este barco e está sobradamente preparada. Beatriz Pérez Rodríguez e Moisés B. Martínez Carreiro. Non esquezan os seus nomes porque chegarán lonxe.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE