​O nacionalismo aparca a unidade nas celebracións do Día da Patria

|

Manifestaciondiapatrianacionalismo

Manifestación do 25 de xullo na Praza da Quintana


O nacionalismo galego volve este 25 de xullo a separarse nos actos da reivindicación do Día da Patria despois da convocatoria unitaria que tivo lugar o pasado ano e na que confluíron todas as organizacións políticas nacionalistas, galeguistas e independentistas na habitual manifestación que parte ao mediodía da Alameda compostelá.

Coa cita electoral autonómica a uns meses, e sen posibilidade de que o nacionalismo que emprendeu camiños separados tras a asemblea do BNG de Amio en 2012 concorra conxuntamente á cita coas urnas, cada formación exhibirá o seu músculo respectivo en senllos actos.

O BNG mantén a súa habitual manifestación que parte ás 12,00 horas da Alameda compostelá e que terminará na Praza da Quintana, onde a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, ofrecerá un discurso despois de chamar a que esta convocatoria sexa o primeiro paso para a "derrota" de Alberto Núñez Feijóo no Goberno.

Pola súa banda, Anova, que desde 2012 formou parte das candidaturas de confluencia nas sucesivas citas electorais, celebrará un acto político no compostelán parque de Galeras no que haberá un recordo especial para os 100 anos das Irmandades da Fala. O veterano político Xosé Manuel Beiras pechará, como portavoz nacional, o acto antes de dar paso a unha xornada de convivencia.


Neste acto, intervirá tamén o que fora portavoz parlamentario do BNG e que deixou a militancia nesta formación tras a asemblea do Bloque de febreiro deste ano, Carlos Aymerich. Actualmente, está integrado no Foro Galego.

Compromiso por Galicia, formación do ámbito galeguista, tamén terá o seu propio acto. Ás 10,00 horas, reunirase o Consello Político Nacional e ás 13,30 horas, no parque Eugenio Granell, terá lugar o acto político, coa intervención do secretario xeral e candidato á Presidencia da Xunta, Xoán Bascuas.

A REUNIFICACIÓN, TRAS AS ELECCIÓNS

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrouse onte "convencida" de que as citas electorais "interferen" na reunificación do nacionalismo e mostrouse segura de que, tras as galegas, haberá "moitos movementos e moitos cambios".

"Estou convencida dunha cousa: as eleccións interferen na posibilidade de que se dea (un proceso de reunificación do nacionalismo). E o momento máis oportuno para facer é, xustamente, despois das eleccións", manifestou. Así, considerou que se abrirá unha etapa a partir dos comicios de outono con novas expectativas. "Imos ter dous anos, se non pasa nada a nivel de Estado, sen procesos electorais, onde eu creo que vai haber moitos movementos e moitos cambios. E creo que apresurar cousas que non están maduras, o que pode é furtar precisamente que ese proceso se poida producir", expuxo.

relacionada O nacionalismo, a exame no Día da Patria
relacionada ​El nacionalismo se presentará fragmentado a las autonómicas

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress