#Claves de la semana

​Un proxecto da UDC de intelixencia artificial, lingüística e informática, dotado cunha bolsa de 1,5 millóns

O innovador proxecto pretende incorporar a análise sintáctica aos ordenadores, o cal abriría moitos campos de aplicación, coma unha nova xeración de buscadores que atopen a información de xeito intelixente e analítico.


|

UDC


¿Cantos de nós "preguntamos" diaramente a Google as nosas dúbidas? Coma se o deus das buscas na rede puidese entendernos, empregamos a linguaxe naturalmente para atopar a información máis precisa na internet. En xuño coñeciamos a historia dunha avoa británica que empregou os termos "grazas" e "por favor" na súa consulta ao buscador, crendo que era unha persoa física a que respondía desde as oficinas de Google.


Ao estilo da película 'Her', na que o protagonista ten un sistema operativo intuitivo, o obxectivo último do proxecto de Carlos Gómez, profesor da Universidade da Coruña que acaba de obter unha bolsa 'starting grant' da UE de 1,5 millóns para os próximos 5 anos, é, efectivamente, comunicarse co ordenador.


O seu proxecto está na fronteira entre a informática e a intelixencia artificial coa lingüística e baséase na incorporación da análise sintáctica ás funcións dos ordenadores de forma moi rápida.


“Para comprender a linguaxe humana hai que entender a súa análise sintáctica; por exemplo na frase ‘O can mordeu a Xan’ hai que saber que ‘o can’ é o suxeito e ‘Xan’ o obxecto. Esa análise que os humanos facemos intuitivamente ten que facerse de forma explícita nos ordenadores, e o proceso é demasiado lento para procesar textos a gran escala”, declarou o profesor das facultades de Informática e de Filoloxía.


Incorporar a análise sintáctica de forma que os ordenadores fagan moi rápido ese proceso abre moitos campos de aplicación, avanzou Gómez Rodríguez, como ter unha nova xeración de buscadores que atopen a información de xeito intelixente e analítico, saber e analizar en tempo real todas as conversacións que se produzan nas redes sociais con relación a unha determinada busca (sen necesidade de hashtag por exemplo, no caso de Twitter) ou acadar a tradución simultánea.


O proxecto, segundo avanzou Carlos Gómez, terá tres liñas de investigación: optimización informática, características lingüísticas dos idiomas humanos e modelos cognitivos. O investigador, que confesou estar “moi motivado e con moitas ganas de traballar duro neste proxecto”, desenvolverá o seu traballo na Universidade da Coruña para o cal contratará a cinco persoas, das que catro serán investigadoras.


PERSEVERANZA 


Carlos Gómez explicou esta mañá en rolda de prensa os detalles do seu proxecto, nunha comparecencia na que estivo o reitor, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o xestor de Relacións Científico-Tecnolóxicas da UDC, Xavier Alcalá.


O vicerreitor da UDC, Salvador Naya, resaltou que este proxecto combina as tecnoloxías da información e da comunicación coas humanidades. Pola súa banda, o xestor de Relacións Científico-Tecnolóxicas da UDC, Xavier Alcalá lembrou que Carlos Gómez conseguiu esta bolsa europea na segunda vez que se presentou xa que na primeira, pese a ser seleccionado, non había fondos para a subvención. “Isto é un exemplo de perseveranza para todo o que queira facer unha carreira investigadora”, apuntou.


A Universidade da Coruña suma esta nova starting grant á concedida en 2012 ao profesor da ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos Héctor Gómez Díaz. “Dispoñer de persoal que é capaz de conseguir dúas ‘starting grant’ en catro anos é un fito moi importante e un orgullo para a Universidade da Coruña”, declarou o reitor.



Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE