Votar de reenganche

Redacción


Votar


O vindeiro 25 de setembro as galegas e os galegos estamos –outra vez— chamados ás urnas. Unha nova cita electoral marcada polo bloqueo no goberno central onde ninguén se quere casar con ninguén, onde ningún partido quere ceder en nada. Mentres a cidadanía lles grita "Poñédevos dacordo!", os nosos políticos non fan senón tirarse os trastos a cabeza. O único "cambio real" que houbo nos últimos anos é o cambio climático, dixo onte o escritor Javier Pérez Andújar no pregón das festas da Mercè en Barcelona.


Semella que todos os ollos están postos nestas eleccións e nas de Euskadi, coma se foran resolver a papeleta que teñen montada en Madrid. Coma se Galicia fora unha España en miniatura. É posible que non se teña en conta todo o que se debería que algúns dos alcaldes do cambio están en cidades galegas. A forza que teñen as mareas en Galicia. A fartura por parte de moita xente do politiqueo cacicil que aínda, a estas alturas, se gastan algúns. 


Con todo, se hai algo que acompaña á maioría cada vez que é chamada ás urnas é o desinterese, a desafección, a fartura, a desmobilización. Hai tempo que a xente está farta desta presa de pailáns que nada teñen que ofrecer, nada teñen que remova á xente por dentro que non sexa para vomitar por tanto cheiro a podre. Sobra mediocridade. Falta ilusión.


Os de sempre escúdanse no discurso do medo e do caos. E os novos dan unha imaxe desleixada, atrapallada, pouco convincente, improvisada. Os vellos seguen a querer vivir da inercia dos que teñen poder e contactos; os que acaban de chegar non encontran a conexión coa xente que albiscou unha oportunidade de mudar as cousas.


Semella que estamos borrachos de tanto politiqueo, fartos de tanto parlamento e de tanto falabarato. Os que vivimos de informar sobre o que se fai na esfera política ás veces esquecemos o lonxe que están e estamos da cidadanía. A xente está farta de votar para que logo os votados acaben por facer o que lles peta. Ás veces resulta imposible evita-lo hastío.


A inmensa maioría é allea ao que pasa nos parlamentos, descoñece os organigramas dos partidos, quédase, como moito, con algunhas caras, as principais e, se cadra, cunha lixeira idea do que cada formación diga que di que vai facer. Quen le os programas? Nin que estean disfrazados de catálogo de mobles. Porque son aburridos. Porque son promesas en moitas ocasións demasiado evidentes e outras, tecnicismos que non se entenden.


E que o Presidente vai erguerse ás tres da mañá para fornear pan ou ir a apañar ameixas? Haberá algunha conselleira que vaia ordeñar as vacas? Mellor ou peor pagos gañan máis do que a maioría das galegas e galegos chamados á decidir o seu futuro o domingo.


Os políticos, ben o demostraron, están máis que desconectados da cidadanía. Recorren as rúas soamente en campaña electoral, cando han de recoller votos. Pero non saben e non son conscientes dos problemas reais que sofren os seus compatriotes. Din defender os servizos públicos, pero cantos deles levan ós seus fillos ás escolas nas que estudan os nosos? Cantos son tratados e sofren a listas de espera que sofrimos nós nos hospitais públicos, colapsados polos seus recortes?


De seguro que a máis dun lle dará a risa con iso de decidir o futuro. O futuro de quen? En que mundo viven? Estamos, todas e todos, desconectados. E, ás veces, semella que lles interesa que así sexa.


Desconectadas aquelas persoas que pase o que pase levan o seu voto como a devoción de quen pon unha veliña a un santo. Desconectados aqueles que pasan da política como da merda. Desilusionados todos os que, desde fóra de Galicia miramos a nosa terra ancorada e deserta de oportunidades.


Estamos todos un pouco bébedos de tantas declaracións e promesas incumpridas, de corrupción e de recortes faltos de sensibilidade, de dirixentes fachendosos e mediocres que nos tentan emborrachar con lerias parvas.


Por iso, o domingo hai que erguerse desta melopea política, lavar ben a cara, tomar un café cargadiño e ir de reenganche a votar. Cada un que vote o que considere oportuno. Non seremos nós os que vos digamos qué é mellor ou peor. Votade sen medo, pero votade. 


Por que? Porque non é posible vivir só de esperanza, pero sen esperanza non merece a pena vivir. 


"Se soubera que o mundo acaba mañá, eu aínda hoxe prantaría unha árbore"


Martin Luther King



Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress