​Son os vellos?

Karina Rivero Conde

Escaleiramuseopobogalego

Escaleira do Museo do Pobo Galego // museodopobo.gal


É a abstención? É Galicia de dereitas? Ou serán os gamusinos? Parece que os resultados das eleccións galegas son un misterio despiadado de imposible solución. O caso é que unha non deixa de oír a quen se aventura a extraer posibles explicacións ao enigma. Recordemos, Galicia é a única comunidade cunha maioría absoluta no estado español nun contexto onde as maiorías absolutas están extinguidas. E logo hai quen di que os galegos somos indecisos. Témolo claro e témola clara.


Mariano Rajoy, que é un galego de pura cepa, xa llo dixo a Sánchez no discurso de investidura: "Nadie tiene el patrimonio de la gente". E cando ten razón, hai que darlla. Aínda que algúns teñamos ganas de retirarlle á democracia o seu status quo e dárlle o despido: "non a queremos ver máis por aquí, recolla as súas cousas e marche".


Escapóuselle a Fernán Vello, que foi de tecnócrata en Twitter, chamándolle á súa benquerida terra "ignorante", e a comunidade virtual de activistas xa se encargou de decapitalo. Non se pode querer ter o patrimonio da xente, Rajoy dixit, e menos vir con semellante afirmación despois de proclamar que "o povo é quem mais ordena".


Pero Fernán Vello non é o único que non acaba de entender esta vitoria tan "sobrada" do PPdeG. Quizas foi o único perfil público que o expresou en Twitter, pero hai máis voces anónimas que levan un par de días co ruxe ruxe. Concretamente algúns usuarios esquerdistas e nacionalistas da rede social non se tomaron demasiado ben a vitoria do PPdeG e optaron por desafogarse lanzando insultos contra Galicia e os galegos. En particular, acusan aos anciáns dos resultados.




Hai tamén a quen lle molesta que se fale dos nosos maiores nestes termos e saen ao paso das alusións dicindo que a culpa a ten 'a abstención'. Ese 36,25% de electores que o día de votar terían outros quefaceres. Non os culpo. Recórdanme ao famoso vídeo aquel de "Axúdame, eu teño moitos quefaceres", que se viralizara polas paupérrimas dotes vocais das improvisadas cantantes. "Onde está a lista?", preguntábanse; unha lista na que o de ir votar o domingo non aparecería. É certo que aí perdéronse moitos votos, moitos máis dos que outorgan unha maioría absoluta se temos en conta que o PP acadou 676.676 (curiosa cifra, quererá dicir algo?) papeletas.


Logo está quen di que o rural galego votou historicamente á dereita. Pero aí está a excepción que confirma a regra. Ese pequenísimo puntiño no mapa, Vilar de Santos, onde triunfou En Marea. Unha aldea de apenas 1.000 habitantes na comarca da Limia (Ourense! ten mérito!) rodeada de concellos nos que non gaña, senon que arrasa o PP. Un feito tan singular, remoto, excepcional e romántico, que pareza que en Vilar de Santos aterrou un ovni e descargou un milleiro de extraterrestres.


As causas do triunfo electoral do PPdeG poden ser moitas, e poida que algunha das anteriores estea entre elas. Pero en momentos coma este prefiro non comprender, só aceptar. Acórdanseme as palabras dun profesor da carreira, un dos mellores por certo, que era en verbas súas "máis de dereitas ca Atila", e que dicía sabiamente "a miña nai é fea, pero eu quérolle igual". Fasme emigrar, pero aínda así quérote, Galicia. 



Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress