Os deuses deben estar tolos

Manuel Fernando González Iglesias

Rato blesa


Está claro que a lea do PSOE desviou a atención mediática que ocupaba o xuízo das tarxetas ‘black’ de Bankia para maior goce e tranquilidade duns presuntos desalmados que se pagaron os vicios con diñeiro dos accionistas daquela "inesquecible" Caja Madrid e logo co diñeiro de todos os contribuíntes, que pagaron o rescate desa entidade bancaria sen que ninguén lles preguntase se querían ou non querían que os seus impostos servisen para tal fin ou que o goberno de quenda endebedase máis ao Estado por ese triste asunto.


Segue sendo este un país en que ao señorito lle senta mal unha copa, aínda que leve encima unha borracheira monumental, mentres que o pobre é un pobre desgraciado e un alcohólico irredento, aínda que o seu se deba a unha botella de sidra. E é que os socialistas, unha vez máis, non souberon escoller nin o tempo, nin o lugar para facer públicas as súas fobias, facendo posible que os Blesa, Rato e demais membros da nobreza financeira paseen pola pasarela do Xulgado sen que a xente do montón poida darse a pequena satisfacción de velos sufrir cada día polas acometidas do Fiscal Alejandro Luzón.


Nos despachos de poder hoxe se celebra unha dobre festa. Primeiro, polo estalido da guerra civil socialista que levará aos de Ferraz ao limbo político de "os testemuñais"; e en segundo termo, pola caída informativa do caso Bankia, que permite pasar de forma silente o tempo da crítica feroz contra quen tiña garantido "a priori" un máis que merecido calvario persoal, de insuperables consecuencias para o seu perfil profesional. Iso de que os ricos nos rouban non debe figurar en ningunha das nomenclaturas ideolóxicas dos actuais dirixentes sociatas, incluído Pedro Sánchez porque, se así fóra, estes lumbreiras evitarían armar a que armaron nun tempo xudicial no que a dereita ten moitísimo que explicar.


Agora só falta que "Carracho" Sánchez non dimita e o serial se alongue ata que pase polos xulgados sen pena nin gloria, o escándalo da Gürtel e os papeis de Bárcenas, para que a xente pase definitivamente do gran partido da esquerda española e, a partir de aí, só preste atención aos concursos que ven na tele en lugar de estar polo labor de ir votar cada vez que se lles convoque.


Como fago nestas grandes ocasións, tomo emprestado o título dunha das miñas películas favoritas, a que dirixiu en 1980 Jamie Uys e exclamo como un dos seus personaxes: Os deuses deben estar tolos...

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE