​O 60% dos actores galegos viven por baixo do limiar da pobreza

|

Mariacastro


O 60% dos intérpretes e bailaríns galegos está por baixo do limiar da pobreza en base aos ingresos percibidos polo exercicio da súa profesión (menos de 6.000 euros anuais), unha taxa que chega ao nivel "terrible" do 89% no caso dos bailaríns.


Esta porcentaxe de desempregados elévase ata o 55% no caso dos actores audiovisuais e a un 48% para os dobladores, mentres está no 44% para os de teatro, en base á enquisa realiza a case 200 profesionais do sector.


Con todo, aínda que o 48% dos intérpretes galegos está desempregado, é unha taxa menor que a de fai tres anos, cando era un 55%, aínda que descendeu a poboación activa. Ademais, o 48% dos parados do sector non percibe ningún tipo de prestación ou axuda, segundo os datos expostos pola coordinador da área Asistencial da Fundación AISGE, Iván Arpa.


A ese 60% dos actores e actrices galegos que están por baixo do limiar da pobreza súmase outro 15% que se atopa nunha situación precaria, con ingresos medios entre 500 e 1.000 euros mensuais. De tal forma, só un 25% da profesión cobra máis de 1.000 euros ao mes. Xunto a isto, un 3% dos traballadores exerce sen contrato.


Dado que un 40% dos intérpretes galegos recorre a outros empregos, se contabilizan os ingresos obtidos por traballos e propios da súa profesión e outros a taxa dos que se atopan por baixo do limiar da pobreza é do 34%.


Así figura no 'Estudo e diagnóstico sobre a situación sociolaboral de actores e bailaríns en Galicia', realizado pola Fundación Aisge (Artistas Intérpretes Sociedade de Xestión). Este informe foi presentado a nivel estatal a pasada semana, cando xa se sinalou que case a metade dos artistas galegos (un 48%) están desempregados, nun datos nos que se profundou este venres en rolda de prensa en Santiago. 


MULLERES DISCRIMINADAS


Á hora de analizar os datos da Aisge obsérvase un escenario peor para as mulleres, que "seguen padecendo un agravio comparativo tamén neste sector", resalta o informe.


E é que mentres o 45% dos actores está desempregado na súa profesión en Galicia, esta cifra é cinco puntos maior no caso das mulleres, un 50%.


As mulleres tamén predominan na franxa de menos de 6.000 euros anuais, pois supoñen unha 28% fronte ao 16% dos homes. Entre os que ingresan máis de 6.000 euros ao ano, a taxa de mulleres é do 33%, pero a dos homes é superior, un 46%.


CIFRAS "ALARMANTES"


Neste sentido, a delegada de Aisge en Galicia, a actriz Isabel Blanco, subliñou que estas cifras son "bastante alarmantes". "Os datos demostran que non vivimos dos flashes nin das alfombras vermellas", avisou.


Pola súa banda, a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mabel Rivera considera este informe "un camiño máis" para avanzar na mellora das condicións dos intérpretes, á vez que lamentou que "todos os ramos da profesión" están "precarizados", "prexudicados por determinadas políticas" ou as "non políticas" da administración.


Nesta liña, Rivera incide en que "hai un convenio que os profesionais deben facer respectar", o cal "ten valor de lei". "Non podemos aceptar traballos por baixo do convenio", sentenza.


RADIOGRAFÍA DO INTÉRPRETE GALEGO


O estudo realiza un perfil do intérprete galego no que se detecta que a inmensa maioría se concentra nas provincias A Coruña (69%) e Pontevedra (23%), fronte ás de Ourense (5%) e Lugo (3%).


No tocante á idade hai "síntomas de envellecemento", posto que o 51% dos artistas ten máis de 45 anos e só un 15% ten menos de 35 anos. Actualmente hai uns 300 intérpretes rexistrados na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), pero estímase que a poboación global é duns 400, é dicir tres actores por cada 20.000 habitantes galegos.


En 2015, o 37% dos intérpretes do audiovisual traballou menos de dúas semanas ao ano, 40% en danza, o 26% en dobraxe e o 21% en teatro.


Nas opinións recollidas polos actores e actrices o estudo arroxa que hai un incremento da inseguridade laboral, mentres existe un "medo" xeneralizado polas condicións de traballo, o que provoca "impotencia", nun marco no que é común a denuncia do "abandono" das artes.

relacionada ​Os actores galegos reivindican a futura de María Casares

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial
Powered by Bigpress