O violador de Augas Férreas puido cambiar "intencionadamente" de aspecto
Ante o feito de que nais da zona estean a mobilizarse para levar ás súas fillas ao colexio ou aos institutos, a policía fai un chamamento "á calma, á tranquilidade no posible".

Os investigadores barallan a posibilidade de que o violador que supostamente actúa na zona de Augas Férreas, en Lugo, --cunha violación consumada e un intento de agresión sexual nun mesmo edificio-- cambiase "intencionadamente" de aspecto para non ser identificado.
Así o indicou este luns o subdelegado do Goberno na provincia, Ramón Carballo, que lembrou que "todas as liñas de investigación seguen abertas" e que "a Policía traballa sobre varias pistas e está a recoller a información da investigación científica que levou a analizar". "Polo momento non hai ningún resultado que se poida destacar, pero séguese traballando e recollendo máis declaracións e máis información da xente", concretou.
Nesta investigación búscase a unha persoa "alta, loura e cun 'piercing' no nariz", un "dos perfís que a policía segue considerando que poden ser dos sospeitosos". Con todo, "tamén se teñen outros perfís distintos aos que se tiñan a pasada semana", dixo o subdelegado.
De feito, Ramón Carballo apuntou que se baralla a posibilidade de que o home xa non teña o mesmo aspecto. "Puido cambialo intencionadamente, polo que todas as liñas de investigación seguen abertas", indicou.
"A policía está a poñer todos os medios á súa disposición para esclarecer os feitos e seguimos pedindo a colaboración de todos os cidadáns sobre calquera pista que poidan dar, para acabar coa detención desa persoa", incidiu.
A respecto de que puidese ser unha persoa de fóra da cidade de Lugo, o subdelegado do Goberno non o descartou, indicando que todas as posibilidades permanecen abertas.
PAIS E NAIS
Ante algunhas informacións que apuntan a que nais da zona están a mobilizarse para levar ás súas fillas ao colexio ou aos institutos, Carballo fixo un chamamento "á calma, á tranquilidade no posible", á vez que subliñou que, fronte á "alarma social que se creou, que ten o seu fundamento, hai que deixar traballar á Policía e ás forzas e corpos de seguridade do Estado".
"As nais son libres de tomar esas precaucións, pero debemos confiar nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado", unha confianza que se traslada aos axentes nas rúas da cidade.
Unha vítima do violador de Lugo volveuno atopar no mesmo edificio
Escribe tu comentario