​ADEGA alerta do aumento da contaminación das grandes industrias galegas

|

Emisionescontaminacionincineracion 1


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, vén de emitir un comunicado no que alerta sobre o aumento de emisións contaminantes en Galicia en relación ao resto de España, que segundo os datos do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) recollidos pola asociación, se atoparía no segundo posto entre as CCAA de todo o Estado, ascendendo así desde o cuarto lugar que ocupaba no ano 2012. 


Galicia sería responsable do 15,08% do total de emisións á atmosfera no conxunto de España en 2015. Este dato constataría un "aumento das emisións", se se compara co 11,98% que emitía en 2012. Desde o cuarto posto de territorios máis contaminantes, Galicia situaríase no segundo, segundo a análise feita pola asociación ecoloxista e acorde cos datos do rexistro PRTR-España.


Contaminantesatmosfericos

Táboa elaborada e difundida por ADEGA


CONTAMINACIÓN DA ATMÓSFERA E DA AUGA


Os ecoloxistas ademais fan fincapé en que Galicia é a primeira comunidade en emitir á atmosfera fluor, mercurio e perfluorocarburos; a segunda en dióxido de carbono, gases invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes; a terceira en partículas (PM10), monóxido de carbono, compostos orgánicos volátiles non metano, metano, arsénico e cromo; e a cuarta en óxido de nitróxeno e metais pesados.


En canto a verteduras contaminantes á auga, Galicia ocupa o cuarto posto no conxunto das comunidades, e os ecoloxistas advirten que ademais é a primeira en verter compostos organoestánicos e carbono orgánico total (COT).


Desde ADEGA xulgan estas emisións como "extremadamente elevadas" tendo en conta o tamaño da industria, o número de habitantes, a extensión xeográfica, o PIB e nivel de vida.

Por iso, culpan ás grandes industrias eléctricas, de aluminio, automobilísticas, petroleiras, madeireiras e de ferroaleacións como principais responsables de que Galicia ocupe "un lugar destacado no Rexistro de Emisións e Fontes Contaminantes".


PROTECCIÓN DA SAÚDE E DOS ECOSISTEMAS


Ademais, advirten dos riscos para a saúde que representa a contaminación do aire, e a súa incidencia directa ou indirecta no aumento da morbilidade e mortaldade. Segundo o colectivo, a propia OMS recoñecía en 2014 que "canto máis baixos sexan os niveis de contaminación do aire, mellor será a saúde cardiovascular e respiratoria da poboación a longo e curto prazo".


Alén dos riscos que a contaminación representa para os humanos, ADEGA subliña que esta ocasiona "perdas de produtividade e diminución de colleitas na agricultura, repercute negativamente no arborado e produción forestal e na vida animal", ao cal se sumaría o quecemento global e aumento do efecto invernadoiro, recordan os ecoloxistas.


A asociación pide que os poderes públicos marquen "prazos e normas" que protexan a saúde denantes ca os beneficios industriais, e que non supoñan necesariamente unha "perda de produtividade". Deste xeito, ADEGA propón á Xunta un Plan de diminución progresiva da contaminación nas grandes industrias para "protexer os ecosistemas e a saúde das persoas". 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress