​O edil de urbanismo de Santiago non dimitirá polo caso das sancións a pubs

|

Jorgeduartecompostelaaberta


O concelleiro de Espazos Cidadáns do Concello de Santiago, Jorge Duarte (Compostela Aberta), foi citado a declarar o próximo 15 de febreiro en calidade de investigado --a figura que substitúe á imputación-- por un suposto delito de prevaricación por trato de favor ou trato desigual a locais de ocio da capital galega.


Confirmouno el mesmo nunha rolda de prensa convocada de urxencia no Consistorio compostelán apenas dúas horas despois de recibir a citación por parte da Fiscalía, na que compareceu el só ante os medios de comunicación.


"Desde o primeiro momento quixen ser transparente co caso, por iso estou aquí nada máis recibir o auto (de citación por parte de Fiscalía), tentando dar conta da información e ser claro e transparente", salientou Duarte, quen tamén indicou que pedirá un adianto na data da súa declaración para "aclarar o tema canto antes".


Aínda que deixou claro que non pensa dimitir, tendo en conta que ten "a conciencia moi tranquila", si avanzou que lle propuxo ao alcalde, Martiño Noriega, que analice a posibilidade de traspasar a outro concelleiro as súas competencias en Licenzas e Disciplina Urbanística.


"É importante garantir á cidadanía a maior confianza", xustificou, para explicar que o seu movemento busca "que o proceso non afecte o funcionamento do servizo". Ademais, aseverou que aínda non recibiu resposta do rexedor, quen, precisamente, declinou atender aos xornalistas en relación a este asunto ata o venres.


NON DIMITIRÁ


Preguntado sobre se pensou deixar o cargo, Jorge Duarte sostivo que "non" tanto porque ten "a conciencia moi tranquila" como porque a súa situación non se enmarca en ningún dos supostos que marca o código ético de Compostela Aberta.


En concreto, no punto 3.7, este documento impón a obrigación de dimitir ante "a imputación" por "delitos relacionados con corrupción, prevaricación con ánimo de lucro, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con fondos públicos ou privados, suborno, malversación e apropiación de fondos públicos, ben sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas".


"Fálase de prevaricación por motivos económicos (no código ético) e este caso é por trato desigual entre uns locais e outros", argumentou, non sen reivindicar que "sempre" pensou que "todo o que se fixo estaba plenamente xustificado".


DILIXENCIAS ABERTAS


O caso arrincou o pasado mes de setembro, cando Fiscalía decidiu abrir dilixencias para pescudar se Jorge Duarte cometera trato de favor con algúns establecementos de lecer nocturno da cidade por mor dunha denuncia.


O Ministerio Público persegue, por tanto, esclarecer se certos locais non chegaron a ser multados --por exceso de aforamento ou de ruído e por incumprimento do horario de peche, entre outros aspectos-- por unha actuación arbitraria do edil.


Cando transcendeu a noticia, Duarte asegurou que o concello estaba a cumprir a normativa de sancións e peche. En cambio, un grupo de bares e pubs protestou por, precisamente, un "rigor excesivo" á hora de facer cumprir as ordenanzas.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress