Un feixe de recomendacións dos psicólogos galegos para agasallar "con acerto" no Nadal

|

Niaescribecarta


Vivimos nunha sociedade abertamente consumista que nos obriga a mercar cada vez máis agasallos, especialmente para os cativos e as cativas da familia, que esperan con ilusión un monte de regalos. Desde a Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia dannos unha serie de consellos á hora de agasallar no Nadal con acerto, apropiadamente e sen caer no exceso.



En primeiro lugar, os psicólogos subliñan que escribir unha carta a Papá Noel ou aos Reis Magos é un momento especial para compartir, onde a familia ten que "orientar as decisións sobre o que os pequechos e pequechas van pedir". 


"Debemos axudarlles a reflexionar sobre cales son os regalos que realmente lles fan ilusión e explicarlles que non van recibir todo o que pidan. Tamén se debe procurar que non se deixen arrastrar polos impulsos consumistas provocados pola publicidade destas datas nin polos antollos e así a carta será moito máis axuizada".



Os psicólogos advirten que é primordial que respectemos as recomendacións de seguridade, elixindo o xoguete axeitado para cada idade, as habilidades e as capacidades do neno ou nena, evitando aqueles excesivamente sofisticados que anulan a imaxinación e a creatividade. 


No caso de agasallar un videoxogo, este non debe ser violento, sexista nin discriminatorio, e deberase limitar desde o principio o tempo de xogo.



"Máis vale calidade que cantidade", inciden: previamente debe acordarse entre todos os membros da familia un número "razoable" de agasallos que os nenos e nenas recibirán en total durante o Nadal. Para axudarnos a decidir cales son os agasallos máis axeitados,  os psicólogos propoñen as seguintes prioridades:



1. O regalo que máis ilusión lle faga, que desexe moito e que debería aparecer na súa carta.


2. Un bo libro que esperte o seu interese (de narrativa, científico, de animais, etc.).


3. Un xogo para compartir en familia: para xogar con persoas de distintas idades e incluso xeracións.


4. Un regalo práctico para usar, como roupa, complementos ou material escolar.


5. Regalos “creativos” que poden resultar moi ilusionantes, por exemplo, “vales de tempo” para pasar tempo de lecer en familia, dar un paseo ou ir ao cine.



Chegado o día, ademais dos agasallos, os nenos e as nenas poden recibir tamén unha carta de resposta de Papá Noel ou dos Reis Magos á que eles ou elas fixeron onde se poñan de manifesto "os progresos realizados durante o ano, se destaquen os seus valores e se lles anime a seguir avanzando nese camiño", aconsellan desde o Colexio de Psicoloxía de Galicia. 

relacionada Galicia está entre as comunidades que menos gasta en xoguetes no Nadal

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress