#Claves de la semana

​O BNG levará ao Tribunal Constitucional o veto do Goberno ao debate da AP-9

Ana Pontón advertiu que supón un "disparate" que sexa "máis caro viaxar da Coruña a Pontevedra ca da Coruña a Madrid". 


|

Anapontonap9

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este mércores que a súa formación levará ao Tribunal Constitucional a actuación do Goberno ao vetar que se debata no Congreso dos Deputados unha iniciativa que demanda para Galicia a transferencia da AP-9.


En concreto, esta iniciativa foi aprobada de forma unánime por todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia, pero a Mesa do Congreso aceptou o veto do Executivo a que sexa debatida co argumento de que, de aprobarse, supoñería unha diminución importante para as arcas públicas estatais.


Así as cousas, o BNG levará á Cámara galega a petición de que o asunto se eleve ao Tribunal Constitucional, pero, no caso de que non salga adiante, os nacionalistas presentarán igualmente o recurso ante o que consideran unha "vulneración dun dereito".


"DISPARATE"


A líder nacionalista advertiu de que supón "un disparate" que sexa "máis caro viaxar da Coruña a Pontevedra que da Coruña a Madrid", á vez que deixou claro que o Bloque non se vai a "quedar calado" ante ese "vergoñoso" veto.


Tras opinar que impedir o debate parlamentario é propio dunha etapa de "predemocracia", insistiu en que a formación frontista seguirá "dando a batalla" coa campaña iniciada nos últimos meses en demanda da AP-9.


De feito, apuntou que xa se aprobaron mocións neste sentido en 42 concellos do Eixo Atlántico, en lugares como Santiago, Ferrol, A Coruña, Padrón, Pontevedra, Ordes, Poio, Rianxo e Ponteareas.


"TRANSCENDENTAL PARA O FUTURO"


En nome dos cargos institucionais do BNG tomou a palabra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen subliñou que a AP-9 é o eixo vertebrador por estrada de toda a comunidade, de modo que a transferencia da súa xestión á Xunta é un asunto "transcendental para o futuro e para a economía de Galicia".


Tras 37 anos pagando "peaxes abusivas" que son "negativas para os intereses económicos" de Galicia, fixo un chamamento a todos os concellos e deputacións para que "tomen nota desta situación e fagan presión" ante a Administración central.


E é que, segundo as súas palabras, trátase dunha demanda "maioritaria" na sociedade galega e o Goberno está a cometer "un insulto".


COMISIÓN BILATERAL


Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo este mércores a súa reclamación sobre a titularidade da AP-9, aínda que considerou que a comisión bilateral para a xestión desta autoestrada é "un fito sen parangón".


"É un acordo importante, é un fito sen parangón esa comisión bilateral para compartir as decisións sobre a AP-9, que é unha estrada fundamental para vertebrar Galicia", recalcou.


Precisamente ese asunto é o que abordará o xoves na súa reunión co secretario de Estado de Infraestruturas en Madrid. "Como creala, como regulala e as decisións que imos compartir", recalcou ante os xornalistas durante unha visita a Lugo.


Con todo, recalcou que, desde o punto de vista da Xunta, a xestión directa da autoestrada "é moito máis beneficiosa para velar pola calidade". Así é que seguirá demandando a titularidade da AP-9.

relacionada ​Nin prazos do AVE, nin traspaso da AP-9
relacionada ​O Congreso veta o debate da transferencia da AP-9
relacionada ​Fomento acorda coa Xunta a xestión compartida da AP-9 para enfriar a demanda do traspaso
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE