#Claves de la semana
HOME DE CASE 50 ANOS E CON TITULACIÓN SUPERIOR

Perfís dos candidatos nas sete grandes cidades de Galicia



|

ciudadanosUEpodrianvotarmunicipales_EDIIMA20141027_0430_3.jpg

Home de case 50 anos de idade e con titulación superior é o perfil medio dos cabezas de cartel seleccionados polos cinco grandes partidos en Galicia para intentar facerse co control das urbes. 


VIGO:


Abel Caballero (PSdeG), alcalde de Vigo desde 2007, naceu en Ponteareas en 1946 e é doutor en Economía polas universidades de Cambridge e Santiago. Foi ministro de Transportes entre 1985 e 1987 e deputado no Congreso ata 1997, ano no que optou á Presidencia da Xunta. Foi deputado autonómico ata 2001, cando se reincorporou á docencia e, entre 2005 e 2007, presidiu a Autoridade Portuaria de Vigo.

Elena Muñoz (PP), nacida en Madrid en 1971, é licenciada en Económicas pola Universidade de Vigo. Foi interventora xeral da Xunta, cargo que exerceu entre 2009 e 2012, cando foi nomeada conselleira de Facenda.

Serafín Otero (BNG) naceu en Vigo en 1957 e cursou estudos de programación informática e sobre o sector financeiro e bancario. Comezou no nacionalismo galego en 1985, primeiro dentro de Esquerda Galega e, a continuación, no BNG. Foi secretario nacional de CIG-Banca e participou no asociacionismo vecinal en Coia.


Rubén Pérez (Marea de Vigo), vigués de 1977, é licenciado en Historia pola USC. Coordinador local de Esquerda Unida desde 2008 e secretario de Organización a nivel autonómico. É director de loxística nunha empresa de servizos informáticos da cidade olívica.


Josefa Casado (Ciudadanos), técnica de laboratorio de análises clínicas, naceu en Ourense en 1954.


A CORUÑA:


Carlos Negreira (PP) recalou na Coruña procedente de Río de Janeiro, onde naceu en 1960, xa que é fillo de emigrantes. Licenciado en Dereito pola USC, a súa carreira estivo ligada á administración e á figura do presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, co que coincidiu en varios departamentos. Aspira a un segundo mandato á fronte do consistorio herculino. 


Mar Barcón (PSdeG) naceu en Ortigueira en 1963. Licenciada en Medicina, compaxina a súa profesión de médico coa portavocía do PSOE en María Pita. Militante desde 1985, foi concelleira na Coruña con Paco Vázquez e Javier Losada e tamén deputada autonómica. É a primeira vez que concorre como candidata.

Xosé Manuel Carril (BNG) naceu en Londres en 1969 e é doutor en Dereito pola Universidade da Coruña. Secretario xeral da universidade coruñesa entre 2006 e 2010, participou na asemblea constituínte de Galiza Nova na cidade herculina.

Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), coruñés de 1974, é profesor de Dereito Procesal na Universidade da Coruña. Tamén ocupou o posto de maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo. 


Santiago Folla-Cisneros (Ciudadanos) é diplomado en Estudos Empresariais e exerce a súa profesión de forma liberal. Naceu na Coruña en 1969.

SANTIAGO:

Agustín Hernández (PP) naceu en Madrid en 1961. Enxeñeiro de Camiños, foi director xeral de Obras Públicas da Xunta dirixida por Manuel Fraga e, xa con Feijóo, ascendeu a conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Exerceu como alcalde da capital galega os últimos 11 meses.


Paco Reyes (PSdeG), compostelano de 1961, é licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona, licenciado en Económicas pola Universidade de Londres e doutor en Económicas. Forma parte da dirección da unidade de Epidemioloxía Clínica do CHUS e é profesor universitario desde 2011

Rubén Cela (BNG), nacido en Lugo en 1979, é licenciado en Economía pola USC, foi secretario xeral de Galiza Nova e director xeral de Xuventude co bipartito.


Martiño Noriega (Compostela Aberta), santiagués de 40 anos, é licenciado en Medicina pola USC. Aos cinco anos a súa familia trasladouse a Teo, veciño municipio do que foi alcalde entre 2007 e 2015. Actualmente é coportavoz, xunto con Xosé Manuel Beiras, de Anova.


Javier Sánchez-Agustino (Ciudadanos) naceu en Vilagarcía de Arousa en 1968 pero reside en Santiago desde os tres anos. Avogado de profesión, foi concelleiro do PP na capital galega entre 2003 e 2007. 


FERROL:

José Manuel Rey Varela (PP) naceu en 1975. Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense, o actual rexedor entrou na corporación en 2002 con 26 anos e foi concelleiro de Facenda de 2003 a 2007. Preside a Federación Galega de Municipios e Provincias desde 2011.


Beatriz Sestayo (PSdeG), ferrolana de 1969, é licenciada en Dereito. Líder do seu partido a nivel local, ocupa un escano no Parlamento desde 2005.


Iván Rivas (BNG), nacido na Pontenova en 1976, é arquitecto pola Universidade da Coruña. É portavoz do seu grupo municipal desde 2012.


Jorge Suárez (Ferrol en Común) naceu en Vigo en 1975 tralo traslado da súa familia desde Ferrol. Licenciado en Dereito, é funcionario e delegado sindical de CC.OO. Milita en IU, formación integrada na súa candidatura.


Ana Rodríguez Masafret (Ciudadanos), catalá de 1968 e residente en Neda, é licenciada en Dereito e exerce como avogada.

PONTEVEDRA:

Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), alcalde de Pontevedra desde 1999, naceu en Sanxenxo en 1954 e exerceu a medicina ata a súa toma de posesión como rexedor. Ademais de ser portavoz do BNG desde 1987 en Pontevedra, tamén foi concelleiro en Samos.


Agustín Fernández (PSdeG) naceu en Pontevedra en 1961. Licenciado en Dereito e avogado en exercicio, foi edil na súa cidade en distintos mandatos. Actualmente encárgase de Educación, Deportes e Universidade.


Jacobo Moreira (PP) naceu en Santiago en 1973 e alí licenciouse en Dereito, formación que completou cun master na Universidade de Navarra. Avogado de profesión, é edil en Pontevedra desde 2007 e deputado autonómico


Luís Rei (Marea Pontevedra), nacido na Coruña en 1958, é escritor e xornalista. Recibiu varios premios literarios, como o Xerais e o Blanco Amor. 


María Rey (Ciudadanos), graduada social pola Universidade de Vigo, é unha empresaria nada en 1973 en Pontevedra.


OURENSE:

José Ángel Vázquez Barquero (PSdeG) naceu en Ourense en 1960. Licenciado en Ciencias Empresariais pola Complutense, é profesor na facultade ourensana do ramo. Como concelleiro na súa cidade, levou Emprego, Limpeza, Termalismo e Facenda.


Susana García (BNG), ourensana de 44 anos, é licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa.


Miguel Doval (Ourense en Común), nacido en 1951, é un histórico do movemento vecinal ourensano, no que comezou en 1985.


Jesús Vázquez Abad (PP), nacido en Nuremberg (Alemania) en 1967, é doutor en Ciencias Económicas e foi decano da facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. Foi deputado no Congreso e conselleiro de Educación. Actualmente é deputado autonómica.

LUGO:

Xosé Clemente López Orozco (PSdeG) pretende reeditar o seu cargo de alcalde, que mantén desde 1999. Nacido en Foz en 1947, é licenciado en Filosofía e Letras e exerceu como profesor de secundaria. Milita no PSOE desde 1975


Jaime Castiñeira (PP) naceu en 1957 en Cospeito e é enxeñeiro de edificación e arquitecto técnico. En 1999 foi elixido concelleiro en Lugo e é deputado autonómico desde 2005.


Rubén Arroxo (BNG). Formado como aparejador e adestrador de atletismo, iniciouse en política en Galiza Nova. Trátase da primeira vez que este lucense nado en 1985 concorre a unhas eleccións como cabeza de cartel.


Santiago Fernández Rocha (Lugo Novo) naceu en Barreiros en 1957. É profesor de Primaria con 30 anos de profesión.


Olga Louzao (C's), nacida en Lugo en 1975, é licenciada en Ciencias Políticas pola USC. Tras case 12 anos traballando en banca, actualmente é autónoma.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE