#Claves de la semana
PONTEVEDRA

Louzán tende a man ao BNG para pactar unha coalición de goberno na Deputación

Anima aos nacionalistas a "aproveitarse desa conxuntura" e a "que pensen por riba de todo nos intereses dos cidadáns"


|

55671b7cc920140516patxotloreslouzan188.jpg

Rafael Louzán e Miguel Anxo Fernández Lores


O presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e do Partido Popular nesta provincia, Rafael Louzán, tendeu a man ao BNG para negociar un pacto de goberno na institución provincial.


O mandatario provincial explicou o "novo escenario" que deixaron os resultados electorais do pasado domingo 24 de maio despois de que o Partido Popular perdese a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra ao baixar de 17 a 12 deputados, obtendo 10 actas de deputado o PSdeG, catro o BNG e unha acta Marea Vigo. "Nas súas mans está o futuro da Deputación", dixo referíndose ao Bloque.

Neste contexto o presidente da Deputación considerou que o "pacto máis natural" para unha "coalición de goberno" é co Bloque Nacionalista Galego, "algo que eles terán que valorar" atendendo aos proxectos conxuntos levados a cabo nos últimos anos, dixo Louzán, "independentemente das diferenzas políticas".

Entre outros argumentos que Louzán esgrimiu a favor deste pacto cos nacionalistas citou os máis de doce anos de acordos "beneficiosos para Pontevedra" cun PP con maioría absoluta na administración provincial e un BNG en minoría no Concello capitalino "e foi un modelo que funcionou", engadiu.

Ademais animou aos nacionalistas a "aproveitarse desa conxuntura" e instounos a que pensen por riba de todo nos intereses dos cidadáns" para que o futuro goberno da Deputación non se converta "nun xogo de trileros ao servizo dos intereses persoais, ou partidistas ou de determinados territorios".

Para disipar calquera dúbida, Rafael Louzán referiuse ao alcalde de Vigo en funcións, Abel Caballero (PSOE), para apuntar que ao BNG "a opción que se lle presenta non é pactar co PSOE senón pactar con Caballero".

"Pontevedra no futuro, se se desen esas circunstancias, non ía ser a mesma. Porque a maior colaboración da historia nunca feita antes nos últimos 12 anos foi desta institución para con Pontevedra", subliñou.

"BOA RELACIÓN PERSOAL"

Louzán tamén apelou á súa "boa relación persoal" co alcalde en funcións de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores e co concelleiro pontevedrés do BNG e voceiro deste grupo na Deputación, César Mosquera.

De feito confirmou que Fernández Lores e el xa falaron tras os resultados do pasado domingo. "E tamén falamos destas cuestións", dixo, para precisar que "isto non quere dicir nada máis".

Así mesmo, recalcou a boa relación persoal "fluída e extraordinaria" con Lores. "Iso en política é importante porque sabes que estás a falar cunha persoa non cun político que xoga só aos seus intereses", dixo, e apuntou de novo "á demostración palpable e clara" dos acordos logrados nos últimos anos.

Rafael Louzán tamén se referiu ás declaracións formuladas o mércores por César Mosquera, quen rexeitou un pacto co PSOE na Deputación de Pontevedra "só para aplaudir" e puxo dous exemplos para que os nacionalistas "reflexionen".

Ao respecto, aludiu ao acordo do BNG e o PSOE no Concello de Vigo no que "primeiro acantoáronos e logo foron fagocitados ata perder toda a súa representación municipal" e á Deputación de Lugo, onde "a marxinación á que o PSOE somete ao BNG é tal que o desgoberno e o enfrontamento son evidentes", e incluíu como exemplo a "mala experiencia" do goberno bipartito do Concello de Pontevedra.

Louzán admitiu ser "realista e consciente" de que este tipo de acordo co PP non vai ser entendido por "algún dirixente" do BNG. "Pero tamén hai persoas e votantes no Bloque Nacionalista Galego, e a eles é a quen me dirixo, que saben que o pacto natural é co Partido Popular e non con outros", sostivo, e se mostrou convencido de que a cidadanía lle pide ao BNG e o PP "que sigan por esta senda" tal e como demostraron durante anos "noutras circunstancias".

Ademais, preguntado sobre se estaría disposto a ceder a vicepresidencia da institución o nacionalista César Mosquera, concluíu que "cando hai vontade de acordo, hai posibilidades para todo, e aquí hai vontade de acordo e posibilidades para todo". 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE