#Claves de la semana
GAELICA SOLAR, UNHA EMPRESA UBICADA NA TECNÓPOLE DE OURENSE

Unha empresa da Tecnópole, en Ourense, saca ao mercado un sistema para plantas de interior que logra simular a luz natural usando enerxía renovable

Gaélica Solar desenvolveu unha lámpada LED que se nutre de enerxía solar e que mantén vivas as plantas emitindo as diferentes gamas cromáticas que necesitan para crecer


|


A empresa Gaélica Solar, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en Ourense, vén de sacar ao mercado un sistema autónomo que imita a luz natural para manter vivas e facer que medren as plantas de interior. Grazas a unha lámpada LED que obtén a enerxía necesaria dun panel solar, a planta recibe radiación lumínica nas gamas cromáticas que lle fan falta para crecer, mesmo en lugares como sotos ou segundas vivendas que se manteñen pechadas durante o inverno. 


“É habitual que as plantas que quedaron na casa de verán non sobrevivan ao inverno aínda que lles deixemos un sistema de rego. A falta de calor e a escasa radiación solar frenan ou paralizan de maneira definitiva o seu metabolismo causándolles a morte”, explica Manuel Eirín, xerente da empresa. Con este novo sistema, sen custo enerxético ningún, poderán perdurar durante moitos invernos”, engade.


O sistema permite tamén ter unha horta en lugares pechados sen luz natural como son os garaxes. Flores, hortalizas e todo tipo de vexetais poden xerminar, crecer, florecer e dar froito sen necesidade de recibir a luz directa do sol, só con esta lámpada ben orientada cara a eles


“Este produto nace dunha demanda recollida da nosa filial en México, onde a maior parte dos negocios se instalan en sotos para evitar roubos”, expón Eirín. “A partir de agora poderán substituír as plantas de plástico por outras naturais e que medren tan ben como se estivesen a carón dunha ventá”, sinala. O consumo enerxético da lámpada é nulo, xa que se nutre da electricidade xerada a partir dun panel solar colocado no exterior do edificio sen impacto visual.


Unha cor para cada función


A lámpada emite luz azul, vermella e maxenta. A inclusión doutras gamas, como a ultravermella ou a ultravioleta, desestimouse porque, aínda que son beneficiosas para o crecemento e a eliminación de insectos portadores de plagas, poden ser nocivas para as persoas. 


A luz azul favorece o crecemento, mentres que a vermella é fundamental para a floración e a maxenta contribúe a un desenvolvemento precoz da planta.


Este novo desenvolvemento de Gaélica Solar súmase a un extenso catálogo de produtos innovadores relacionados coas enerxías renovables e cun impacto moi particular sobre os sectores primarios. É o caso do kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico; os alimentadores solares automáticos para gando; o deshidratador solar antioxidante, que, a través dun pequeno equipo portátil, permite deshidratar produtos no mesmo punto de colleita; e odepurador autónomo de augas mediante luz ultravioleta con efecto xermicida, aplicable por exemplo en fontes públicas.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE