#Claves de la semana

Eladio Rodríguez presenta "Gandarón​ ou o gran falo megalítico de Pena Corneira"

O autor presentou este martes en Santiago a súa primeira novela, unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor. No acto estiveron presentes o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa.


|

O autor presentou este martes en Santiago a súa primeira novela, unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor. No acto estiveron presentes o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa. 


Eladio Rodríguez Fernández recoñece estar "interesado por moitas cousas, pero sobretodo por Galicia". Un interese que se converte en admiración e que se atopa no xerme da súa primeira novela, que foi presentada este martes na mítica libraría Couceiro de Santiago, nun acto que contou co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e co decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa. 


A obra 'Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira' é unha mestura do rico imaxinario da sociedade tradicional galega coa propia imaxinación do autor, unha historia sorprendente que pode chegar a inaugurar un novo xénero dentro da literatura galega. 


Gandarón e Martiño, xunto aos grandes xefes dos castros, e coa axuda inestimábel da Excel. Becha Usía, tentarán opoñerse aos desexos de destrución e cobiza dos invasores das terras do Avea. Estes invasores non son outros que os romanos, ansiosos con facerse co maravilloso viño do Ribeiro, cuxa orixe mítica é situada polo autor nesta novela. 


Unha historia de resistencia que responde á vontade de retorno do autor, que reivindicou na presentación do seu libro a cultura galega das 30.000 aldeas. Asegura que "hai que escapar das cidades, volver á cultura das aldeas. Ahí está a verdadeira vida, a liberdade de poder observar todos os días como sae e se pon o sol".


Desa vontade de retorno, unida á fascincación do autor polo propio megalito de Pena Corneira, nace unha obra que xa se ten gañado a admiración de pesos pesados do mundo da cultura galega. 


O director da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero foi o encargado de redactar o prólogo da obra, dándolle prioridade sobre outras tarefas que tiña pendentes. Admite que sufriu un intento de suborno por parte do escritor, que lle levou unha caixa do seu coñecido viño "Tarabelo". 


Pero Alonso Montero reivindica que non é fácil de subornar, se escribiu o prólogo é porque se rendiu á calidade dunha obra que segundo as súas propias verbas "pode anunciar a aparición dun xénero que non é exactamente o tipo de literatura imaxinativa que facía Cunqueiro ou que fixo no seu día Daniel Cortezón naquela novela que se titulaba "Nas covas do rei centolo", pero que non é allea naturalmente a este modo narrativo"


Na mesma liña expresouse o decano da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, Xosé Ramón Pousa, que falou dun libro "sorprendente, cheo de imaxinación, entre o realismo máxico e a veces o surrealismo", que ademais conta "cun galego resoante, excelente, cheo de voces evocadoras dun pasado xa perdido"


O Autor


Eladio Rodríguez Fernández, fillo e neto de viticultores con terras de seu e adega, naceu en Beade, en terras do Ribeiro do Avia. A paisaxe ribeirá da viña vai conformando a súa personalidade, moldeando o seu carácter ao redor dunha contorna rural moi específica, correspondente á vide e ao viño.


A Natureza exuberante, os ríos, as viñas e as fragas foron deixando fondos sucos no seu intelecto. A cultura humana que emanaban as vilas e aldeas ribeirás foi impregnando todo o seu ser dun intensa paixón por todo o que vía, abrindo a súa mente cara a un forte compromiso, de por vida, con esa Terra. Co tempo coñeceu outras realidades, pasando polo Instituto de Ribadavia, aprendendo a elaborar doutra maneira o viño en Villarrobledo (Albacete), e adquirindo formación na escola de Enxeñería Técnica de Vigo.


Dirixiu unha empresa construtora na cidade de Vigo e colaborou intensamente en diversos parladoiros culturais en Ourense, labor que compaxinaba coa publicación dalgúns versos na célebre revista Grial. Estréase como escritor cunha gran e voluminosa obra: 'Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira', un libro que a ninguén deixará indiferente.


relacionada Eladio Rodríguez, presentará hoxe en Santiago ​o libro "Gandarón​ ou o gran falo megalítico de Pena Corneira"
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE