O BNG recolle un informe do Consello de Europa como evidencia da "discriminación" do galego
Reclaman que se poña punto e final ás políticas actuais, "recoñecendo a situación de desigualdade e desequilibrio" e elaborando "un novo decreto que regule a presenza do galego na ensinanza".

O BNG recolleu un informe do Consello de Europa para denunciar a situación de "discriminación" na que se atopa a lingua galega. Consideran que o citado informe representa unha "enmenda á totalidade á política do PP contra o galego", reclamando que se abra unha nova etapa.
En concreto, a deputada Ana Pontón referíase ao cuarto informe do Comité de Expertos do Consello de Europa para a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, que considera que os límites que establece o decreto do plurilingüismo para o uso dos idiomas na ensinanza están "claramente en contradicción" cos compromisos escollidos polo Goberno ao adherirse ao acordo.
Para Pontón, este informe supón unha "enmenda á totalidade á política do PP contra o galego", que desvela "moitas das mentiras que se veñen repetindo".
Reclama que se poña punto e final ás políticas actuais, "recoñecendo a situación de desigualdade e desequilibrio" e elaborando "un novo decreto que regule a presenza do galego na ensinanza".
Esta reclamación do BNG únese á doutras organizacións como a Real Academia Galega ou a CIG, que tamén fixeron súas as conclusións do Consello de Europa.
En concreto, dende a RAG destacaran que o informe "se fai eco" da chamada de atención da RAG sobre o impacto da redución do galego a un terzo do horario, a imposibilidade de impartir materias técnicas, como Matemáticas, nese idioma, ou a escasa presenza en infantil (nun 6,57 por cento en cidades de máis de 50.000 habitantes).
Ante este diagnóstico, a entidade insiste en que tanto a Xunta como o Goberno estatal "están moral e legalmente obrigados a tomar medidas positivas" cara á normalización do galego, un "obxectivo irrenunciable da sociedade".
O Consello de Europa e a RAG coinciden sobre a situación do galego nas aulas
Escribe tu comentario