CO BEN QUE ESTABAMOS...

Manuel Fernando González Iglesias

Non se vostedes, pero uno ten a estraña sensación de que o país funciona mellor cada día que pasa. Tanto ministro afanado en explicarnos as súas habilidades para gobernarnos resultaba demasiado atafegante. E agora que están en funcións, nótaselles como máis eficientes. Será que, como non din nin pío, a oposición tampouco atopa a maneira de criticalos. E nesa sorte de silencio político vívese mellor que cando se empeñaban, por exemplo, en contarnos de corrido a Lei Wert e provocaban un escándalo monumental na comunidade docente ou na universitaria, ou a leaban parda ao pretender que a reforma laboral fose man de santo para a crise e os sindicatos respondían lanzándose á xugular da Señora Ministra que, antes de selo e comerse con patacas fritidas os contratos indefinidos, saboreaba con gran "profesionalidade" os chuletóns da carnicería familiar, como os cataláns engolen estes días de entroido, con recoñecida pericia, os famosos calçots de Valls.


Terei que preguntarlle ao meu amigo Edison o belga se a el pasáballe o mesmo cando no seu país, a Bélxica cun Rei que se foi hai unhas semanas a un Balneario mentres os seus compatriotas encerrábanse nas súas casas por unha ameaza yihadista, vivíase mellor durante os 500 días que permaneceu sen goberno, nos que o democristián Yves Leterme pasou a ser o interino mellor pago de Europa. Non coñezo, de momento, a súa reposta, pero o expertos comunitarios aseguran que a economía mellorou, que o parou baixo e que ata o PIB chegou a cotas inesperadas. En fin, que aos belgas pasoulles como agora a nós: que os seus gobernantes deixáronos vivir en paz e puideron funcionar co piloto automático, que como todo o mundo sabe nesta Comunidade Europea manéxano os profesionais da cousa pública, ou sexa: os miles de funcionarios aos que ningún Rajoy ou Sánchez poden despedir porque teñen a praza fixa, que para iso gañaron unhas oposicións. Teñen os seus defectos, pero á hora da verdade, ou sexa, agora mesmo, están mais preto do que lle pasa á xente que de quen nos goberna. Será porque os que mandan, cando volven retomar o poder, conxélanlles o soldo ou lles quitan as pagas extraordinarias?


Pero, como ben lembra aquel vello refrán, "pouco dura a alegría na casa do pobre". Independentistas e constitucionalistas de pro, españolitos… todos estamos a piques de espertarnos do noso doce soño, xa que a súa Maxestade, Felipe VI, Deus o perdoe, en lugar de irse a Mondariz onde podería gozar dunhas augas termais incomparables como fixo o seu colega Alberto II na veciña Francia, quedou na Zarzuela á que chamou ao seu despacho ao vasco Patxi López, para que, "rápido e veloz", lle monte outra roda de consultas, que moito me temo acabará coa paz que agora gozamos e, en consecuencia, coa moi daniña boa nova de que pronto, a pesar dos baróns dos partidos ou grazas a eles, digamos aquilo tan latino de: "Habemus Caesar".


A partir de aí, amigas e amigos, amados lectores, volveremos á normalidade, e con ela, á rifa diaria, e sobre todo, á penitencia do Boletín Oficial do Estado que --non se que en mans de quen está, sexa vermello ou azul--, perdóenme a franqueza, sempre fode aos mesmos, ou sexa, aos pobres. Así que prepárense para o que se nos vén encima. Co ben que estabamos...!

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE