Os ecoloxistas de Adega cargan contra a nova Lei de Acuicultura

|



Os ecoloxistas de Adega non poderían estar máis en contra do anteproxecto de Lei de Acuicultura, actualmente paralizado debido ao rexeitamento do sector. Para Adega, o novo texto é o último episodio dunha estreita relación entre o goberno de Feijóo e a patronal acuícula, unha relación na que "as rías e o litoral son secundarios".


Os ecoloxistas entenden que esta nova Lei de Acuicultura pretende en realidade "clarificar as regras de xogo", rematando de remover calquera atranco para que as multinacionais teñan o camiño legal expedito para "ocupar sen problemas a nosa costa e as nosas rías".


Consideran que o anteproxecto da Xunta favorece a acuicultura industrial, xustificando o desenvolvemento de grandes instalacións e macropolígonos, obviando "a poboación local e realidade socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de baixura".


Os ecoloxistas recopilan unha serie de "eivas" do proxecto, que segundo eles contradin frontalmente as recomendacións da FAO. Así, denuncian que a nova lei permitiría actuacións en espazos protexidos, contemplandosupostos como o de que a consellería de que Mar autorice unha instalación cun informe negativo de Medio Ambiente.


Aseguran ademais que permite a introdución de especies exóticas e invasoras, correndo o risco de que "individuos ou larvas estas especies sexan diseminados no medio acuático perxudicando á biodiversidade e os recursos autóctonos".


Protestan porque non existen zonas de exclusión da actividade acuícola, polo que entenden que toda a costa é susceptible de ser considerada apta, promovendo a acumulación das instalacións en polígonos sen avaliar previamente a capacidade de carga dos ecosistemas.


Son só algunhas das moitas eivas denunciadas polos ecoloxistas, que en definitiva cargan contra un anteproxecto que aposta por aproveitar o máximo do potencial marisqueiro pola vía da transformación das zonas de marisqueo en parques acuícolas que nin teñen en conta a realidade do país nin incorporan suficientes criterios de protección medioambiental. 



POLÉMICA POLA RETIRADA DO ANTEPROXECTO


Precisamente este mércores o PPdG rexeitou unha vez máis retirar o anteproxecto de Lei de Acuicultura, como lle pediu unánimente a oposición. 


Ante a presenza de varios representantes do sector nas gradas do parlamento, Daniel Rodas (BNG) pediu a retirada completa dun texto que "non é sosteñible medioambiental nin socialmente" e que pretende que empresas foráneas "ocupen" espazos do marisqueo tradicional.



O resto da oposición sumouse á demanda do bloque, pero o voceiro do PP, José Manuel Balseiro, defendeu que o texto na práctica está "paralizado". Asegura que o goberno xa "escoitou" ao sector a tempo, por eso está celebrando mesas de diálogo de forma que se non existe consenso esta lei "non verá a luz". 


A propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, pediu que non se manipulase ao sector. asegurando que o anteproxecto é "un borrador" e non pode ser retirado porque "non está en ningún trámite administrativo". 


Ratifícase no seu compromiso de consensuar o texto sen liñas vermellas, asegurando que non se aprovará ningunha lei de acuicultura sen contar co respaldo do sector e mentres que os profesionais non vexan que a norma "nace para apoialos". 



Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress