Congreso á ourensá

Manuel Fernando González Iglesias

Gañar á búlgara un congreso partidario prodúcese cando na votación final o candidato obtén unha maioría, se non polo 100% dos votos, si por máis do 95. De tan abultada que é a cifra, resulta sospeitosa aos ollos de calquera cidadán/á, xa que lembra aqueles congresos dos partidos comunistas no poder tras o pano de aceiro, nos que os líderes repetían mandato tras mandato entre o fervor admirable dos seus camaradas. Nesa arte de votar ao Prócer, ao parecer, e na década dos 70, os bolxeviques do PC de Bulgaria que dirixía Todor Zhikov eran uns auténticos mestres.


Pasaron moitos anos desde aquelas cacicadas, que os que tiñamos nun altar á democracia de Occidente criamos que só eran posibles alén do Muro de Berlín ou na España de Francisco Franco. Coa morte do Generalísimo os españois chegamos a crernos que os "congresos á búlgara" eran un tópico excepcional que rompía a norma democrática porque o pasado nunca volve. Pero claro, despois de ler algúns titulares como os que a continuación lles apunto, un comeza a dubidar de que o Señor Zhikov sexa xa o dono da marca "pucherazo" e que na España post-Transición non lle saíran ao "tal Señor" uns cuantos discípulos avantaxados.


Para que Vds. me entendan, tomo datos dun blogue escrito en marzo do 2014 pola colega María Ángeles García que nos deixaba na hemeroteca da rede de redes estes tres exemplos: "El congreso a la búlgara del PP andaluz» (El Imparcial, 3-3-2014), «Cospedal gana a la búlgara» (Público, 5-5-2012) o «Susana Díaz gana ‘a la búlgara’ unas primarias marcadas por la falta de transparencia» (El Confidencial, 2-7-2013).


Pola miña banda, e tirando para casa, ou sexa, para o meu Ourense natal, quedeime coa peza que publicaba El País o pasado 5 de marzo, que é como dicir "hoxe mesmo", e que ía por idéntico camiño:


“Este es el acto político más importante que se celebra hoy en Galicia y en España”, clamó este sábado un exultante José Manuel Baltar en la inauguración del XVII congreso provincial del PP. Horas después, expresaba su satisfacción por el respaldo casi unánime ¡El 95,66% de los voto! de cerca de un millar de compromisarios a su candidatura, la única que se ha presentado para dirigir el partido en Ourense".


Ou sexa, que na miña vila tamén saben facer congresos á búlgara, e ¡mesmo mellor!, porque me imaxino que, tras a votación, os señores congresistas celebrarían a vitoria do seu candidato tomándose uns ribeiros co seu correspondente polbo ou empanada, algo que aos búlgaros lles estaba completamente vetado. E se iso foi así, imaxínense os incentivos que se lle engaden aos futuros "bulgarianos". Que barbaridade! Que despropósito! Non será co meu apoio co que a xente se lle dea por substituír o termo "á búlgara", por "á ourensá" .


Así que, Señor Baltar, da miña parte dígalle aos seus que, na próxima votación, con que o deixen como no Congreso de hai dous anos no que Vd. vapuleou ao seu "amigo Núñez Feijoo", xa é máis que suficiente. E que o do outro día, como dicía a miña neta catalá cando era un bebé é "caca, culo, pis-pis" e por tanto, non cheira a rosas... nin sequera en política.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Últimas
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE