La única newsletter de sanidad de Galicia
Recibirás próximamente un resumen de información especializada, plural y rigurosa de martes a sábado
Un grupo de investigadores denuncia a súa "exclusión definitiva" do sistema de investigación en Galicia
Tres xeracións de investigadores galegos síntense condenados a escoller entre o exilio ou a inactividade, tras comprobar que non poder optar ao novo plan de contratos anunciado pola Xunta de Galicia para as universidades.
En concreto, trátase dos investigadores post-doutorais que se beneficiaron no seu momento do Plan Incite, promovido polo goberno bipartito, que consideran que están sufrindo un agravio comparativo con respecto aos investigadores máis novos que se beneficiaron dun plan "equivalente" do goberno de Feijóo.
O voceiro dos investigadores, David Rubinos, critica unha decisión da Xunta na que observa "motivos políticos", e que supón "o fin das nosas carreiras no sistema universitario galego".
Amósase moi crítico conque a administración considere "amortizado" o traballo de profesionais que se sinten "no noso mellor momento investigador", forzándoos a buscar oportunidades no exterior tras gastar "máis de 160.000 euros na formación de cada un".
Non piden que se lles conceda directamente unha praza, pero sí que se lles permita concorrer "en igualdade de oportunidades" nunha convocatoria basada nos "méritos e no talento".
CONTINUIDADE POST-DOUTORAL
Estas tres xeracións de investigadores xa gozaron dun contrato post-doutoral de 3 anos, a chamada "fase A", que consistiu en dous anos de formación no estranxeiro e un ano de retorno nas universidades galegas.
Agora reclaman poder optar ás 20 prazas convocadas pola Xunta para a "fase B", contratos de dous anos aos que hoxe por hoxe tan só poden optar os investigadores que remataron a primeira fase co novo plan do goberno actual.
O problema aparece porque estes investigadores xa gozaron dun ano extra, unha especie de contrato repesca dun ano que dende a administración consideran sustitutiva desta segunda fase.
Pero segundo denuncia David Rubinos, o que eles demandan non ten nada que ver co que no seu momento lles ofreceu este contrato dun ano. Aseguran que non tiveron ningunha oportunidade de continuar cando remataron este periodo dun ano.
Se agora non entran nesta nova convocatoria quedarán excluídos de calquera tipo de consolidación posterior, polo que quedarán na práctica fóra do sistema de investigación galego.
APOIO DA OPOSICIÓN
Os investigadores plantexaron as súas reivindicacións no Parlamento de Galicia, obtendo o respaldo de todos os grupos da oposición.
O voceiro do BNG, Cosme Pombo, deixou claro que Galicia non debe "perder un euro" dos investidos, renunciando a investigadores que se atopan "no seu mellor momnento".
Do mesmo xeito, Concepción Burgo (PSdeG) criticou unha decisión que ataca "a libre concurrencia e a igualdade de oportunidades".
Antón Sánchez (AGE) tamén uniu a súa crítica, engadindo que con este goberno en ocasións semella que "o coñecemento molesta".
Recibirás próximamente un resumen de información especializada, plural y rigurosa de martes a sábado