Un atentado estremecedor

Manuel Fernando González Iglesias

A medida que pasan as horas e vanse sabendo máis cousas do masacre de Orlando, arrepía pensar que un só "lobo solitario" sexa capaz de asasinar a cincuenta concidadáns sen que ninguén poida facer nada por evitar eses asasinatos. E aínda que a comunidade gai de todo o mundo se poña de acordo en condenar esta barbarie, nada pasará se non somos todos capaces de borrar da nosa memoria colectiva de que o Islam, ese que asasina de forma sanguinaria e indiscriminada, non merece ningunha clase de respecto porque nada ten que ver co que predicou Mahoma, nin co que senten millóns de musulmáns.


Pero como o que sucedeu non ten unha soa causa, cabería esixirlle á sociedade norteamericana que convencese aos seus concidadáns partidarios de poder comprar libremente armas de todo tipo e calibre, que esta forma de entender a liberdade individual xa foi superada polo paso dos anos, e que os duelos a tiros son un epopea caduca de pistoleiros e shériffs do lendario Oeste. Agora toca que as armas só as poidan usar aqueles que deben vixiar que a lei e a orde se cumpran. O que todo un Presidente como Obama se vaia da Casa Branca sen poder "meterlle man" á venda libre de armas é unha vergoña para o país que lidera a democracia no mundo.


Por outra banda, un se pregunta qué clase de seguridade privada tiña o local no que se cometeron os asasinatos, e como un só home puido con ela. Algo fallou e a propiedade do local non é allea a ese desastre. Tampouco deben sentirse felices o FBI e a CIA, que tendo vixiado a este ‘yihadista’ porque sospeitaban del e dos seus actos, o deixaran de novo sen unha mínima vixilancia, propiciando que o individuo campase ás súas anchas e fixese o que finalmente fixo.


Sobre o Estado Islámico pouco queda que dicir. Occidente, e en forma especial Francia e Inglaterra, son responsables directos de que a repartición territorial de Oriente próximo xerase varias guerras e miles de mortos, porque os países que, agora mesmo, se pelexan por unha cidade ou medio deserto, nunca existiron como tales se non fose porque o aristócrata británico Mark Sykes e o avogado francés François Georges Picot andaron alá polo 1916 fabricando un acordo que foi un auténtico despropósito na época e que o segue sendo agora, para maior gloria do desaparecido Imperio Británico. Así se escribe a historia e nos cemiterios repousan centos de miles de vítimas para testemuñar que nada do que se escriba sobre o colonialismo británico e a ‘grandeur’ é invención dos hispanos, aos que sempre se lles fai apandar cunha lenda negra que por suposto escribiron os que agora se camuflan no seu ‘Brexit’ para lavarse as mans das súas múltiples responsabilidades históricas. O Estado Islámico é un fillo non desexado da política de Occidente, incluídas todas as grandes potencias e, a súa presenza no mundo, terá escasa traxectoria se quen é responsable do seu nacemento se pon a reparar o erro cometido e facelo desaparecer.


E é que, cando se mesturan tantas cousas tan mal feitas, ao final morre moita xente inocente e xorden novos Orlandos.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE