#Claves de la semana

​As Deputacións da Coruña e Pontevedra non temen fracturas nos seus pactos

O vicepresidente provincial pontevedrés matiza a Bieito Lobeira e explica que se revisarán os pactos nos concellos onde "se detectaron problemas".


|

Formoso


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, compareceron este mércores conxuntamente para reivindicar a "boa saúde" do goberno PSOE-BNG na institución provincial despois da crise que levou á saída do Bloque do goberno provincial de Lugo.


En declaracións aos medios de comunicación, González Formoso negou risco de contaxio, despois de mostrar a súa "sorpresa" e "tristeza" polo acontecido na Deputación luguesa, onde o grupo socialista pactou co PP e contou co voto a favor do deputado non adscrito para sacar adiante os orzamentos.


"Este goberno conformado polo PSOE e o BNG funciona con total normalidade realizando o seu traballo dentro do marco do acordo de goberno asinado no seu día e traballando para que os concellos poidan dispoñer de recursos, desenvolver todas as liñas con criterios obxectivos, transparentes, seguindo as directrices acordadas no seu día", expuxo a vicepresidenta.


Así, Sanmartín fixo fincapé en que "esperamos poder desenvolver aínda máis este proxecto co paso do tempo e fomentar cada vez máis a participación directa", fixo fincapé.


Pola súa banda, o presidente do organismo provincial coruñés dixo que na súa opinión, "é triste ter que facer esta expresión de unión que é absolutamente real, percíbese no traballo do día a día, sen necesidade de explicarnos". "Pero, entendo que as circunstancias son as que son e entristecidos polo que ocorre en Lugo, pero esperemos que Lugo se contaxie do que pasa na Coruña", agregou.


SEN VOLTA ATRÁS

Preguntada sobre se hai volta atrás, Goretti Sanmartín, tamén membro da Executiva do Bloque, dixo entender que "no caso concreto de Lugo neste momento concreto" non a hai. Sanmartín salientou que os orzamentos constitúen o documento "máis importante" pois "marca os fíos" da acción de goberno e observou "cuestións" coas que o BNG non está "de acordo", ao advertir de "prebendas a favor de determinados concellos".


"Non podiamos manternos, e por coherencia e dignidade o PSOE debería non aprobar esta conduta do PSOE provincial en Lugo e do seu presidente. Unha vez feito isto e que non houbo rectificación, nestes momentos é evidente que non hai volta atrás", sentenciou.


EN PONTEVEDRA, "FRANCAMENTE BEN"

O vicepresidente provincial Pontevedra, César Mosquera (BNG), compareceu en rolda de prensa ante as peticións de distintos medios de comunicación para analizar o sucedido na deputación lucense e a súa posible repercusión na institución provincial pontevedresa. Sobre esta cuestión, garantiu que a crise de Lugo "non ten reflexo en Pontevedra", xa que, indicou, hai "unha dinámica propia" e non existe "ningún problema" no funcionamento do pacto de goberno pontevedrés.


O dirixente do BNG recoñeceu que as palabras de Bieito Lobeira, responsable de Organización dos nacionalistas, nas que aseguraba que se ían a revisar os pactos cos socialistas puideron pecar de "falta de precisión ou ambigüidade". Así, César Mosquera precisou que, en todo caso, revisaranse os pactos naqueles concellos nos que "se detectaron problemas", para atallalos antes de que se produza unha ruptura como en Lugo.


Con todo, dixo que, no caso da Deputación de Pontevedra, "non hai nada que revisar", porque estas modificacións do acordo asinado o pasado verán "son continuas", apuntou Mosquera.


O PP ASEGURA QUE "NON É TAN BOA" A RELACIÓN

Ao fío desta polémica, o grupo provincial do Partido Popular saíu á palestra para poñer en dúbida esta boa sintonía entre PSOE e BNG na Deputación de Pontevedra. "Todos sabemos que un bipartito que funciona con gabinetes independentes e que levan meses xogando ao gato ao rato, moi ben non pode estar a funcionar", dixo a portavoz popular, Nidia Arévalo.

relacionada ​Manuel Martínez acusa a Lobeira de bloquear la Diputación de Lugo
relacionada O BNG estudará "con lupa" os pactos que ten asinados co PSOE
relacionada ​O BNG rompe o bipartito da Deputación de Lugo
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE